Doazón de Parga Peinador á Academia

A doazón inclúe, ademais dun exemplar dedicado por Cabanillas d´A rosa de cen follas ao seu avó, Enrique Peinador Lines, o resto do Arquivo Pondal que constaba no seu poder.
Parga Peinador, Axeitos Agrelo, Méndez Ferrín e Ferreiro Fernández
Axeitos Agrelo, Méndez Ferrín e Fernández Ferreiro detrás de Jorge Parga Peinador


O evento, que tivo lugar no salón de actos da Academia, contou coa presenza de Jorge Parga Peinador, fillo de Isidro Parga Pondal; do profesor Manuel Ferreiro Fernández; do presidente da Academia, Méndez Ferrín; do secretario, Xosé Luís Axeitos e doutros membros de número e correspondentes desta corporación.

"Na persoa de Jorge Parga Peinador reúnense dúas das estirpes que máis fixeron por este país e pola democracia: a dos Pondal e a dos Peinador", destacou Méndez Ferrín no comezo da súa intervención. E proseguiu, "Isidro Parga Pondal, purgado da Universidade de Santiago en 1936, puxo en funcionamento, nos tempos máis escuros da Ditadura, o Instituto Xeolóxico de Laxe, que había converterse, co paso do tempo, nunha referencia internacional visitada por alumnos de todo o mundo".

O presidente subliñou, deseguido, a importancia da figura de Enrique Peinador Lines: "o dono do Balneario de Mondariz inaugurou o mecenado cultural en Galicia: editou revistas, propulsou un museo, protexeu persoalmente a Ramón Cabanillas e foi tamén o grande benfeitor do Partido Galeguista que refunda en Vigo, xunto con Gómez Román, en 1942 ". O presidente rematou a súa intervención destacando a importancia do legado recibido e agradecendo, en nome da Academia, a xenerosa doazón de Jorge Parga Peinador.

O profesor Manuel Fernández Ferreiro, autor da edición crítica das obras de Eduardo Pondal, destacou , na súa intervención, o imprescindible labor de Isidro Parga Pondal na conservación do legado do seu tío avó, o autor de Os Pinos, "que mantiña aberto e a disposición de quen quixera investigar, toda a documentación de Eduardo Pondal no seu poder. Unha actitude que, por certo, contrastaba, e moito, coa situación que daquela se vivía na Academia".

Jorge Parga Peinador principiou o seu discurso cun pequeno resumo da traxectoria vital do seu pai. "Cando no 36 lle prohiben oficialmente a entrada na Universidade de Santiago, el retírase inmediatamente a Laxe, onde veñen a buscalo dúas veces para pasealo, e libra as dúas veces do paseo grazas á mediación de Víctor Landesa. Entón, el funda a empresa de caolíns de Laxe, o Instituto de Xeoloxía de Laxe e dedícase a percorrer Galicia palmo a palmo". Parga Peinador apuntou tamén que, coa entrega dos documentos de Eduardo Pondal á Academia, cumpríase a vontade do seu tío avó, quen quería ter todo o seu legado -que inclúe cartas de Murguía, Rosalía ou Pardo Bazán- reunido nesta institución. Rematou a súa alocución destacando a orixinalidade d´A rosa de cen follas no conxunto da poesía de Cabanillas: "el di, cando o publica, que son versos da súa xuventude, versos de amor moi diferentes do resto da súa obra".

Unha copia do limiar deste libro pode descargarse aquí.