Pola esquerda,o secretario da RAG, Henrique Monteagudo; o musicólogo Javier Jurado; o presidente da RAG, Víctor F. Freixanes; os doadores do material manuscrito de Valladares, María José e Crisanto Sanmartín Martínez; e o académico Antón Santamarina posan cos documentos autógrafos na RAG tras a sinatura da doazón. Fonte: RAG
O manuscrito, composto por medio cento de pregos, chega á RAG grazas á doazón dos fillos de Crisanto Sanmartín Beiroa (1914-2000), quen durante décadas foi responsable da imprenta da que saíu por primeira vez o dicionario de Valladares. El foi o encargado, seguramente, de salvar da destrución durante a posguerra os papeis que a partir de agora custodiará o Arquivo da Academia, explicou o seu fillo Crisanto. "Estamos seguros de que a ilusión do meu pai sería ver como doamos o que el gardou no seu día ao sitio adecuado", expresou. "Esta doazón é a forma de conservar esta documentación e de que chegue a toda a xente que queira estudala", engadiu a súa irmá María José Sanmartín. Na chegada deste importante material á RAG tivo tamén que ver o investigador Javier Jurado, estudoso do labor musical de Sanmartín Beiroa, directivo de Cantigas e Agarimos. "Pensamos que o seu sitio idóneo, o seu lugar natural, é a Academia", coincidiu.
Detalle dun dos pregos autógrafos de Marcial Valladares doados á RAG. Fonte: RAG
O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, agradeceu pola súa banda esta doazón "que pon nas mans de toda Galicia, a través da Academia" un documento que permitirá afondar no coñecemento sobre o traballo lexicográfico de quen foi tamén o autor da primeira novela en lingua galega, Maxina ou a filla espúrea (1870), ao que á Academia lle dedicou o Día das Letras Galegas de 1970, recordou. Tras traballar como funcionario e dedicarse á política, Valladares retirouse aos 45 anos no seu pazo familiar de Vilancosta para dedicarse por completo á recolleita de textos folclóricos, á literatura e á redacción do seu dicionario, o traballo de lexicografía galega máis importante do século XIX. "O dicionario de Valladares é unha obra na que xa hai moito traballo e ben feito. Con ela tiveron noticia do galego os grandes etimólogos da romanística. Estaba nas bibliotecas de Meyer-Lübke, de Wartbur, de Jud, de Piel e de Corominas", explica Antón Santamarina, coordinador do Dicionario de dicionarios, que inclúe a obra de Valladares xunto a outros vocabularios históricos da lingua galega, empezando polos traballos de Martín Sarmiento (1695-1772).
Un labor intenso de recollida e lecturas literarias da época
A diferenza dos seus predecesores neste labor, cando Valladares redactou o seu dicionario xa había unha ducia de obras literarias onde se documentar. Quizais foi por iso polo que tardou tanto en publicalo: a recolleita rematouna en 1869, segundo el mesmo declarou, e mentres preparaba o manuscrito definitivo foron aparecendo obras que seguramente lle pareceu imprescindible ter en conta, como a Gramática de Saco, O Tío Marcos, as Espiñas de Lamas, Aires de Curros ou Follas Novas de Rosalía. A maior novidade desta publicación foi que o seu vocabulario se centrou no galego actual, tanto o recollido por el mesmo e o extraído das obras literarias que lía como o que lle enviaban os seus correspondentes, ente eles Montenegro e Laverde Ruiz. Como fixeran xa antes outros lexicógrafos, Valladares marca ademais o timbre das vogais, pero faino con gran precisión e de xeito sistemático.
Tras a publicación do dicionario, Marcial Valladares continuou a traballar en varios apéndices que comprenden centos de voces novas, ata chegar ás 16.082 palabras. Un destes anexos asinouno con 72 anos, outros catro non levan data e o derradeiro, escrito xa con letra vacilante, é do ano 1902, pouco antes do seu pasamento. Nestes suplementos salienta a incorporación das voces do galego oriental, apenas presentes no Diccionario gallego-castellano, extraídas das súas novas lecturas e da correspondencia que mantivo con Leiras Pulpeiro. No derradeiro apéndice destaca tamén a incorporación de voces arcaicas que aparecen na Colección Diplomática de López Ferreiro.