Tribuna

Do humanismo de Viqueira: sobre nacionalismo e socialismo

A vida de Johán Vicente Viqueira (Madrid, 1886 - Bergondo, 1924) foi, xa adulto, un calvario provocado por doenzas reumáticas daquela, e aínda hoxe, moi problemáticas para a ciencia médica. Por iso asombra o labor intelectual neste profesor que morreu antes de cumprir os 38 anos, un labor no que cómpre salientar os seus artigos e ensaios, a súa poesía e as súas traducións (de Goethe a David Hume ou a Platón). Sabido é que se formou na Institución Libre de Enseñanza e que tivo estreita relación con Francisco Giner de los Ríos, aquel apóstolo cultural que foi, na Beocia da época, un faro de sensibilidade. Repare o lector na carta que lle escribe a Viqueira, neno de seis anos, e a dous nenos máis, María Luísa e Alfredo, residentes en Bergondo:

Dad expresiones a vuestro padre, madre, amigos, a Antonia, Vicente, sus hijos Adelaida, Farruco, Juan y a todos, como también a la pobre Linda, de cuya salud esperamos nos deis noticias; la Mora, la Cuca, el Sul, los patos y todos los bichos y a todos los pájaros.

Y vosotros, a divertiros y a aprender cositas. Memorias también a los árboles y a las coliflores de parte de vuestro amigo

Francisco Giner

Neste humanismo fora educado Viqueira na Institución e, algúns anos despois, xa en Galicia, profesor de Filosofía de Instituto, adhírese ás Irmandades da Fala. Acababa de descubrir “o feito rexional” e, nesas datas, encara a cuestión nacional intimamente vencellada á cuestión social. É exemplar, e pioneiro, o seu artigo “Nacionalismo e socialismo”, no que sorprende, daquela, con cavilacións como esta:

O fondo de todos os socialismos di: que a ninguén lle falte pan dabondo, que todos teñan un fogar sob a garimosa teitume, que a escola seja igual para todos, que non haxa fame nin tiranía.

Mais ¿cómo sintindo a ideal comunidade da patria, pode se tolerar que haja cidadáns de dúas clas, os probes e esfameados e os ricos e privilegiados? ¿Cómo non sentir nojo en que para os uns sejan todos os bens da vida e para outros nada? O nacionalismo non ve máis que irmáns na patria e el quere que todo o ben común se parta entre irmáns. ¡O nacionalismo é o santo calor, pai do socialismo!

Paga a pena ler enteiro o artigo (recolleito en Ensayos y Poesías, Nós, 1930) no que, sen dúbida, hai secuencias que non convencen, de cheo, nin a socialistas nin a nacionalistas, pero que, naquela altura, foron palabras e suxestións que nunca foran formuladas desde o ideario galeguista nin desde o socialista. Supoño que homes das Irmandades como Otero Pedrayo e, sobre todo, Vicente Risco, non daban creto ao que lían.

Neste ano de centenario cómpre e urxe debruzarse sobre determinados textos daquel cidadán exemplar que se chamou Johan Vicente Viqueira.

Permítome lembrar ás lectoras e lectores desta páxina que hai xusto medio século publiquei na benemérita revista Triunfo (Madrid, 25-5-1974) un longo artigo titulado “A propósito de Viqueira en su cincuenta aniversario”. Como xa estabamos no franquismo serodio, xa era posible, cun pouco de pericia antifranquista, falar de ricos e esfameados.

Xesús Alonso Montero