A RAG dixitaliza a correspondencia interna dos seus primeiros anos de vida

A Real Academia Galega completou o pasado mes de xullo a primeira fase de dixitalización da súa correspondencia histórica, que abrangue case dúas décadas de actividade, o período comprendido dende o ano da súa constitución, 1905, ata 1924, un ano despois do pasamento do seu primeiro presidente, Manuel Murguía. Os traballos foron posibles coa contribución económica que a Deputación de Pontevedra asignou este ano á RAG.

1/4

A dixitalización desta correspondencia histórica garante a preservación de máis de 2.500 documentos e facilitará o acceso a eles a toda a comunidade investigadora interesada no estudo da historia da RAG e do galeguismo. A empresa Unayta foi a encargada do escaneado en alta resolución de todas as cartas nas propias instalacións temporais da Academia.

A natureza das misivas é diversa. Contempla dende notificacións aos novos membros da Academia dos seus respectivos nomeamentos a convites como o remitido á Academia pola Irmandade da Fala da Coruña co gallo da ofrenda floral a Pondal, Curros e Chané no cemiterio de Santo Amaro, o envío de libros como a Gramática do Idioma Galego de Manuel Lugrís Freire ou avisos como o remitido pola Irmandade Nacionalista Galega comunicando a elección de Vicente Risco como "conselleiro supremo" desta sociedade e ofrecendo a súa cooperación á RAG.