O compositor e pianista coruñes Marcial del Adalid
No seu breve texto introdutorio, Martínez-Risco salienta a importante doazón que fixera María del Adalid, filla do compositor, á Academia en 1928, de toda a biblioteca musical do seu pai, e que constitúe, aínda hoxe, un dos meirandes tesouros bibliográficos desta institución. A seguir, Martínez-Risco introduce os eminentes musicólogos e membros correspondentes da Academia, Antonio Iglesias Álvarez e Rodrigo Alfredo de Santiago, encargados de levaren a cabo o proxecto de selección, edición e introdución das composicións musicais do mestre.
Na súa síntese biográfica de Marcial del Adalid y Gurrea (1826-1881), Rodrigo de Santiago sitúa o compositor coruñés na corrente musical do romanticismo europeo, máis en concreto, no ronsel do célebre compositor e pianista polaco Frédéric Chopin (1810-1849). Segundo Rodrigo de Santiago, Marcial del Adalid destacou sobre todo como compositor de obras para piano de estilo romántico, o que o converteu nunha verdadeira rareza no panorama musical da España do seu tempo, máis ben alleo a esta corrente artística. Antonio Iglesias, pola súa parte, é o encargado de comentar as catro pezas deste autor seleccionadas por el mesmo para esta colectánea: "Vals brillante", "Improvisación", "Elegía" e "Andantino con variaciones".
Alén do valor estritamente artístico das composicións de Marcial del Adalid -esposo da escritora coruñesa Fanny Garrido- cómpre salientarmos tamén a grande importancia do seu labor como introdutor no noso país das obras dos grandes compositores europeos do seu tempo, nun momento no que o coñecemento e difusión das mesmas era practicamente nulo.
Esta obra pódese descargar aquí.