Dispoñible en liña 'Antiguallas de Galicia'

Neste traballo do académico Andrés Martínez Salazar analízase a evolución e formación do artigo definido galego.
Foto grupo rexionalistas
Sentados, de esquerda a dereita, Francisco Ojea, Murguía, Curros e Martínez Salazar. De pé: Carré Aldao, Florencio Vaamonde Lores, Francisco Tettamancy e Eladio Rodríguez


A obra, que leva como subtítulo "apuntes acerca del origen e historia del artículo definido gallego-portugués", fora lida en sesión ordinaria da Academia o 3 de xuño de 1907, e publicada máis tarde ese mesmo ano na colección "Biblioteca Gallega" de La Voz de Galicia.

Astorgano de orixe e arquiveiro de oficio, Andrés Martínez Salazar pasou a converterse, ao pouco tempo do seu traslado á Coruña en 1887, nun dos principais eruditos en diversos aspectos da historia, a lingua e a literatura galegas, temas sobre os que publicou numerosos artigos no propio Boletín da Academia que se poden consultar aquí.

Compañeiro de Murguía desde os tempos das xuntanzas da Cova Céltica no número 16 da rúa Rego de Auga, e considerado o seu sucesor natural á fronte da Academia, Martínez Salazar ocupou de feito a presidencia desta corporación entre o mes de maio de 1923, e o de outubro do mesmo ano, data da súa inesperada morte.

Antiguallas de Galicia pódese descargar aquí.