Discurso de ingreso de Vicente Risco

Un caso de lycantropía, o discurso de ingreso de Vicente Risco, xa está dispoñible para a súa descarga.

Vicente Martínez-Risco y Agüero ingresou na Real Academia Galega o 23 de febreiro de 1929, a proposta de Manuel Martínez Murguía, Eladio Rodríguez González e Manuel Lugrís Freire. O discurso pronunciado polo autor ourensán para a ocasión levou por título Un caso de lycantropía e foi editado en 1971 pola imprenta Moret, da Coruña.

Segundo afirma o autor no propio discurso, a escolla do tema decidiuse atendendo aos seus principios filosóficos. E fronte á decadencia da cultura, manifesta: "as culturas dormen e non morren, e diante da ameaza da barbarie qu'a civilización trai necesariamente atrás de sí, asegún nos enseña a historia, algús pobos reaicionan e queren reconqueril-a sua y-alma".

O discurso de ingreso, coa resposta de Ramón Cabanillas, pode descargarse aquí.