Diego Rodríguez publica 'As Rimas populares de Galicia de Manuel Murguía' nos Anexos BRAG

Ao longo de moitos anos, Manuel Murguía (Arteixo, 1833 - A Coruña, 1923) anunciou tanto a existencia coma a inminente publicación dun libro titulado Rimas populares de Galicia que recompilaría os romances que fora acumulando grazas á axuda dunha rede de colaboradores, entre os que se atopaban intelectuais como o escritor e lexicógrafo Marcial Valladares. Tamén Alejandra, a primoxénita que tivo con Rosalía de Castro, quen recolleu versos como os de “Dona Silvana” ou os emblemáticos de “Don Gaiferos” a unha anciá natural de Laxe. Pero aquel libro semella que nunca chegou a saír do prelo. Cadrando co 103 cabodano do que andado o tempo sería o primeiro presidente da Real Academia Galega, a institución presentará o mércores 4 de febreiro (19 horas) na Casa Museo Casares Quiroga (rúa Panadeiras 12, A Coruña) As Rimas populares de Galicia de Manuel Murguía. Edición e estudo dos materiais conservados. O volume, ao coidado de Diego Rodríguez González, ofrece as páxinas “definitivas” a partir da documentación que se conserva daquel proxecto na Real Academia Galega e na Fundación Barrié.

Diego Rodríguez, autor da edición e estudo dos materias conservados das Rimas de Murguía. Fonte: RAG

Rimas populares de Galicia de Manuel Murguía ve a luz dentro da colección da Academia Anexos BRAG co apoio do Concello da Coruña. O autor presentará o volume acompañado do presidente da Academia, Henrique Monteagudo, e o concelleiro de cultura, Gonzalo Castro, nun acto de entrada libre ata completar a capacidade da sala.

Diego Rodríguez, membro correspondente da Real Academia Galega e responsable de Patrimonio e Cultura e bibliotecario da Fundación Barrié, bateu por primeira vez coas Rimas de Murguía hai xa máis de vinte anos. Foi na entidade para a que traballa, a través do fondo de Said Armesto, quen recibiu do propio Murguía as 77 follas numeradas da transcrición lusitanizante que outro académico fundador, Florencio Vaamonde Lores, realizara por encarga do historiador, escritor, xornalista e político de cara á preparación da frustrada publicación. A versión aquí reproducida do “Romance don Gaiferos” foi a primeira descuberta de Diego Rodríguez, acompañada dun fato de incógnitas, lembra. Desde entón o historiador traballou pola promoción deste legado manuscrito, do que tamén forman parte algúns pregos do puño e letra da rede de correspondentes de Murguía e mais dous prólogos das Rimas conservados no Arquivo da RAG. Fíxoo a través de diversas iniciativas, desde publicacións ata comisariando unha exposición, tamén participando na organización do congreso do centenario do pasamento de Víctor Said Armesto. Un proceso lento e complexo no que esta edición crítica que traza o itinerario percorrido por cada texto é un fito importante. 

“O conxunto de materiais que Murguía foi acumulando, grazas á axuda dos seus colaborados, apareceu nun cartafol desordenado e sen atribucións. El realmente non recuperou ningunha das pezas populares, pero foi o responsable de recollelas e darlles un sentido unitario”, explica Diego Rodríguez. Os limiares conservados na RAG foron chave para a identificación dos papeis coidados pola Barrié. Entre outra información, sinalan momentos nos que as Rimas estiveron a piques de seren publicadas. “O primeiro datámolo cara a 1891, polas referencias que contén. A finais do século XIX, en 1895, chega a haber anuncios da impresión, que inclúen ademais a mención a unha subvención da deputación, o que leva a sospeitar que algo puido chegar a ser impreso”, detalla Rodríguez. Máis ou menos da mesma época é o segundo prólogo, que se ten identificado como o último intento de edición.

“A documentación conservada delata unha intervención case nula de Murguía. Os poucos castelanismos, como caballero ou Jesucristo, que se coan en obras enteiramente en galego, son a proba da neutralidade lingüística dos copistas”, apunta o editor. Rodríguez salienta neste sentido que os textos debuxan “unha panorámica da literatura oral en Galicia que difire da que se pode ver nas recollas dos anos 80 no século XX”. “Na primeira parte do século XIX, o romanceiro estaba fortemente galeguizado e a conexión con Portugal era moi fonda”, advirte o estudoso.

Murguía ―prosegue― tiña unha gran confianza no poder transformador deste legado e sempre foi consciente da urxencia da súa publicación. “Pasaron máis de 150 anos pero estamos seguros de que estas reliquias que reflicten a alma do pobo galego nunca chegarán tarde”, confía Diego Rodríguez.
O título que fai o número 11 de Anexos BRAG reproduce unhas 150 composicións poéticas: as incluídas nos papeis que hoxe se conservan de Manuel Murguía, mais outras publicadas con retoques por Lois Carré nos anos 50 do século XX a partir de documentación do presidente da RAG hoxe non localizada. Entre as primeiras,  Diego Rodríguez destaca os mencionados “Romance de Silvana”, un dos máis estendidos en Portugal e tamén en España; o famoso “Romance de don Gaiferos”, así como versións galegas inéditas dos versos de “A doncela guerreira”, todos eles aprendidos por Alejandra Murguía a través da anciá de Laxe que traballaba para o seu avó.

O autor
Diego Rodríguez (Santiago de Compostela, 1972) medrou en Monforte de Lemos e ten tamén raíces en Beade (Ourense). “Alí aínda son o neno da miña avoa Marina”, comparte. Licenciado en Xeografía e Historia USC nas especialidades de Historia Contemporánea e Biblioteconomía e Arquivística, a súa edición das Rimas de Murguía súmase a unha nómina de artigos de investigación sobre temas rosalianos e de investigación sobre manuscritos desde a perspectiva da identificación caligráfica e a bibliografía material.