O nacemento do Arquivo da Real Academia Galega e o da propia institución son inseparables. Así, na primeira acta da Academia, datada o 4 de setembro de 1905, recóllese xa o cargo de Arquiveiro-Bibliotecario, que recae na figura de Galo Salinas e, posteriormente, na de Florencio Vaamonde Lores. Na actualidade, o académico de número Euloxio Rodríguez Ruibal é quen ostenta este cargo.
Abaixo reproducimos o documento máis antigo que se conserva no noso arquivo. Trátase dun pergameo en latín, do século XI, no que se recolle a fundación do mosteiro de San Isidro de Callobre. Este pergameo pertenceu a Manuel Murguía e consérvase na Academia grazas a doazón do arquivo e da biblioteca de seu pai que Gala Murguía Castro fixo á corporación.
O Arquivo da Academia atesoura, ademais da documentación xerada pola propia institución, pezas procedentes da doazón de figuras senlleiras da nosa cultura, como Manuel Murguía, Eduardo Pondal ou os irmáns De la Iglesia, e tamén de empresas e asociacións como, recentemente, a recibida de O Facho. O Arquivo da Real Academia Galega constitúe hoxe unha fonte fundamental, non só á hora de investigar a evolución interna da propia institución, senón tamén para o coñecemento do mundo cultural galego deste último século. É, por tanto, un dos principais depositarios da nosa memoria colectiva.
A dixitalización dos seus fondos é o proxecto máis importante que o Arquivo da Real Academia Galega ten marcado para o seu futuro próximo. Preténdese, desta maneira, aumentar a súa accesibilidade a investigadores da nosa cultura e a calquera persoa interesada.
Para ampliar información sobre o Día Internacional dos Arquivos, pódese consultar aquí.