Manuel Murguía faleceu na noite do día 1 de febreiro de 1923, cando contaba con 89 anos de idade, na súa casa da Coruña, na rúa de Santo Agostiño 14-1º. Naquela altura a súa biblioteca gardábase nese mesmo domicilio. Aparentemente, os volumes debían ocupar un espazo considerable na vivenda, pois nunha carta de 1912 o propio Murguía dicía que tiña a biblioteca distribuída en varios cuartos, o que adoitaba crearlle dificultades para poder encontrar algún libro: “Tengo mi librería en cuatro habitaciones diversas y para buscar una obra me vuelvo loco”.
Décadas despois, naquela casa xa só residía a súa filla Gala, a única supervivente de toda a familia. A biblioteca do pai pasara a ser propiedade dela, pero Gala xa tiña decidido o seu futuro, como pode lerse no seu testamento, datado o 4 de outubro de 1950: “Deja los papeles, libros y demás que fueron propiedad de su difunto padre y que pertenecen a la otorgante, y están en esta casa que habita, a la Real Academia Gallega”.
Por tanto, entre 1923 e 1950 a biblioteca de Murguía continuou depositada no lugar que fora o domicilio familiar durante moitos anos. De todos os xeitos, non todos os libros que posuíra Murguía en vida pasaron en herdanza á súa filla. Nalgunha ocasión el mesmo tivera que vender varios exemplares da biblioteca cando a situación económica da familia era desfavorable, algo que adoitaba acontecer con certa frecuencia. E despois da morte de Murguía, a propia Gala viuse ás veces tamén na obriga de vender algúns volumes que pertenceran ao legado do seu pai debido á delicada situación económica na que vivía. Por esta razón hoxe en día resulta imposible saber con exactitude de cantos exemplares constaba a biblioteca.
Non obstante, a pesar das vendas e das desaparicións, unha gran parte dos libros puido conservarse e eses foron os que pasaron á Real Academia Galega despois da morte de Gala, acontecida na devandita casa o 17 de xaneiro de 1964.
Libros de distintas épocas e temáticas
Na actualidade, o legado de libros e de folletos conservados na Real Academia Galega que foron propiedade de Manuel Murguía ascende a un total de 2017 exemplares e 1834 títulos. Que a cantidade de títulos sexa menor que o número de exemplares explícase facilmente tendo en conta que varios títulos están repetidos e que ademais hai outros que constan de varios volumes.
Dese número de títulos, 860 corresponden a libros ou folletos de ensaio de temas diversas e 285 a obras de creación literaria. Hai ademais 245 títulos que son anteriores a 1800 e foron publicados nos séculos XVI, XVII e XVIII. Entre eles destacan pola súa antigüidade o Index librorum expurgatorum (Madrid, 1584) e Las seis comedias de Terencio conforme a la edición de Faerno (Barcelona, 1599). O resto dos materiais son maiormente memorias, informes, discursos, catálogos e un pequeno conxunto de follas soltas con contidos variados (cancións, poesías, manifestos políticos).
Canto á temática, a colección reflicte os temas de interese do propietario, dende a historia e a etnografía á filoloxía e a política, entre outros; e nútrese de abundante bibliografía francesa, italiana, portuguesa e inglesa de utilidade para as investigacións de Murguía sobre a cultura galega.
A eses libros e folletos aínda hai que engadir 146 cabeceiras de publicacións periódicas, tanto revistas como xornais, que nalgúns casos están representadas por un único exemplar e noutros por varios números, sendo moi infrecuente que se conserve a colección completa de calquera das revistas deste legado.
Volumes dos membros da familia
Entre os libros pertencentes á doazón feita por Gala, áchase unha pequena cantidade deles que mostran unha fasquía máis familiar da biblioteca que se gardaba na casa da rúa de Santo Agostiño. Trátase, en primeiro lugar, de exemplares que orixinariamente tiñan como destinatarios distintos membros da familia: Rosalía, Gala, Ovidio e Alejandra. Grazas ás dedicatorias que conteñen sabemos que eran libros que lles ofreceron os seus propios autores para agasallalos, e que acabaron sendo depositados nos mesmos andeis que ocupaban os libros de Murguía.
Outros volumes que aparecen aquí e acolá mesturados cos que manexaba Murguía pertenceron seguramente a Gala ou ao seu esposo, Pedro Izquierdo y Corral, xa que son obras (oito en total) escritas polo pai deste, Pedro Izquierdo y Ceacero. Ademais, dentro dos materiais doados por Gala hai varios libros que polo tema tratado -cociña, hixiene, literatura romántica ou de aventuras- semellan pertencer máis ao círculo familiar que aos traballos eruditos e aos títulos de literatura culta que eran claramente dominantes na biblioteca de Murguía.
A relevancia deste legado está fóra de toda dúbida, pois unha viaxe polos andeis nos que se conservan os libros que lle pertenceron a Murguía ofrece a oportunidade de familiarizarse coa súa actividade intelectual e de comprender o lugar sobranceiro que o académico ocupou dentro da sociedade galega de finais do século XIX e principios do XX.
Procedencia
O historiador foi construíndo a súa biblioteca persoal a través de distintas fontes, entre elas os rastros e librarías de vello para se facer cos exemplares máis antigos. A súa propia colección dá conta de que consultaba os catálogos de librarías de París ou Madrid, xa que nela se conservan folleto como o Catalogue des libres anciens qui se trouvent á la Librairie Tross (París, 1875) ou o Catálogo de las obras impresas y manuscritas de los siglos XV al XVIII de venta en la Librería de la Viúda de Rico (Madrid, 1902). Tamén conseguiu moitos dos libros máis modernos ou estranxeiros grazas aos catálogos da Librería Bailly-Baillière de Madrid, algúns deles conservados con anotacións manuscritas.
Nos propios volumes da colección constátase a presenza de distintos selos de librarías. Os máis repetidos son os das madrileñas Bailly-Baillière e Fé Librero, e tamén aparecen os das coruñesas Librería de Martínez, de Andrés Martínez Salazar, e Librería de Carré de Uxío Carré Aldao, sucesora da anterior, así como o da compostelá Librería y Centro de Suscriciones de José Galí.