Devindicar e devindicación
Desde que o galego moderno comezou a usarse na linguaxe xurídica e na administración sempre houbo un conflito non pequeno coa denominación galega do que en castelán se designa cos termos devengar e devengo. Trátase de voces de especialidade do mundo do dereito e da economía, pero na actualidade xa dunha especialidade tenue, polo menos nalgunha das súas acepcións, porque son conceptos coñecidos e utilizados comunmente por amplas capas da nosa sociedade.
Non hai ningunha dúbida de que o verbo devengar e o substantivo deverbal devengo son na súa forma (no seu significante) claros castelanismos, que non teñen ningunha tradición na historia lingüística galega, a non ser na máis recente. Pero tamén é verdade que nós temos un corpo lexislativo común en gran parte ao do conxunto do Estado español, e polo tanto necesitamos adoptar unha ou máis voces para designar os conceptos xurídicos expresados polo castelán devengar e devengo.
Ante esta situación adoptáronse na nosa historia lingüística recente diversas posturas:
a) Aceptar as formas castelás, admitíndoas como un préstamo de necesidade para a lingua galega. Esta é a opción que aparece en moitos textos legais traducidos ao galego: ante o temor de expresar outro significado distinto ao contido no orixinal castelán, o tradutor opta por conservar a mesma forma do orixinal.
b) Adoptar distintas voces xa existentes no galego, en función do significado preciso que teñan devengar e devengo en cada contexto. Esta é a opción que ofrece, por exemplo, o Léxico da Administración castelán-galego que no ano 1991 publicou a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega, que propón para o castelán devengar catro solucións distintas en galego, segundo o contexto:
1.- percibir, adquiri-lo dereito a percibir unha cantidade;
2.- recoñecer (un dereito, unha obriga);
3.- retribuír;
4.- producir, acumular (xuros).
Esta solución mostrouse de difícil aplicación na práctica, e foi fonte de frecuentes conflitos nas traducións, xa que non poucas veces coa tradución do termo producíase un cambio importante do significado: dicíase algo substancialmente distinto do expresado no orixinal (véx. V. Formoso Gosende & M. González González: "A normalización e normativización de terminoloxía específica: finca e devengar", Cadernos de lingua 24, 2002, 29-53).
c) Adoptar a forma culta vindicar, tendo en conta que este é o termo principal que subxace na orixe da forma devengar. Tampouco esta solución está exenta de problemas, posto que vindicar é un cultismo, presente xa no galego, que posúe os significados de ‘defender' e ‘reivindicar', como pode verse no propio dicionario da RAG:
vindicar v.t. 1. Defender [algo ou alguén que foi obxecto de calumnias ou inxurias inxustamente]. Vindicaba o honor daquela familia. Confiaba en que vindicar as vítimas daquela calumnia non o afectase. 2. Reivindicar. As dúas partes vindican xustiza para o caso.
Dotar a voz vindicar dos novos significados que posúe o castelán devengar cargaríaa dunha polisemia pouco aconsellable nun termo especializado ou semiespecializado.
d) Ante esta situación, a RAG, despois de estudar o problema en toda a súa complexidade e despois de consultar os principais axentes relacionados coa linguaxe xurídica e económica (asesores lingüísticos destes ámbitos, tradutores especializados, profesionais do dereito e da economía), optou por acuñar unha nova proposta: devindicar e devindicación, coa incorporación por vía culta dos dous elementos que están na base de devengar (a preposición de e o verbo vindicare). Esta foi a solución adoptada no Dicionario xurídico galego (Xunta de Galicia e Ed. Xerais, Vigo, 2011), e esta foi a solución incorporada tamén ao Dicionario da Real Academia Galega, que define deste modo as entradas devindicar e devindicación (dándolles cabida unicamente ás acepcións máis comúns e menos especializadas, por tratarse dun dicionario xeral non terminolóxico):
devindicar v.t. 1. Xerar dereito a unha retribución. O diñeiro a prazo fixo devindícalle unha cantidade abonda para ir vivindo. Ademais devindicaranse os gastos de viaxe do traballador e da súa familia. 2. Econ. Rexistrar os ingresos no momento en que nacen como dereitos ou obrigacións. Das cantidades devindicadas no mes de maio aínda non se pagou nada.
devindicación s.f. Cantidade devindicada, que se ten dereito a percibir. Normalmente a devindicación da paga extra compútase por ano natural.
Debemos, xa que logo, arredar os castelanismos devengar e devengo, e substituílos polas formas xa oficiais para o galego devindicar e devindicación.