Non é a primeira vez que a preocupación pola xestión do monte deixa pegada na elección da Palabra do Ano. En 2017 venceu afouteza, pero entre as finalistas estiveron vaga de lumes e a forma oposta á gañadora de 2018, eucaliptización. Desta volta a gañadora apela ao proceso de recuperación da masa forestal autóctona cando a plantación e reforestación indiscriminada dos eucaliptos provoca cada vez máis rexeitamento social, tanto pola pegada que deixan na paisaxe como polo seu impacto na biodiversidade e outros problemas asociados á súa proliferación, e non só en Galicia e no veciño Portugal, senón tamén noutros lugares do planeta como California.
Os neoloxismos eucalipitación e deseucaliptización describen esta tendencia da nosa masa forestal e o seu reverso. Aínda que non figuran non Dicionario da Real Academia Galega, axústanse ás regras de formación de palabras propias do noso idioma. A partir do substantivo eucalipto e mediante a sufixación, xurdiu o verbo "eucaliptizar". Engadindo o prefixo des-, co sentido de negación ou privación, compúxose o termo "deseucaliptizar", e de aí "deseucaliptización", que sería o substantivo que indica acción.
Pero vaiamos á raíz do termo. Co nome de eucalipto desígnase un xénero de árbores, orixinarias maioritariamente de Australia, que inclúe diferentes especies. A súa incorporación á flora das latitudes europeas é relativamente recente. A Galicia chegou a través do padre Rosendo Salvado, que se instalou en Nova Nursia coa misión de evanxelizar aquelas terras. O eucalipto débelle o seu nome ao botánico francés Charles-Louis L'Héritier, quen no s. XVIII bautizou como Eucalyptus obliqua a árbore que chegou ao British Museum proveniente da famosa expedición do capitán James Cook. O primeiro termo do seu nome científico está formado pola unión de dous elementos de orixe grega: o prefixo eu-, que significa ben, e kaliptós, que significa cuberto, referido á cápsula das súas flores; mentres que obliqua remite á forma da base das súas follas cando son adultas, tal e como explica este Mira que din do Portal das Palabras.
De corrupción a afouteza
O Portal das Palabras é un proxecto da Real Academia Galega e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a popularización da nosa lingua. Cada semana, desde esta plataforma ambas as institucións ofrecen xogos, vídeos e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. "A palabra do día" é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias. Dando un paso máis nesta dirección, desde 2014 convida a todas as persoas que o desexen a participar na elección da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas afouteza (2017), irmandade (2016) -cadrando co centenario das Irmandades da Fala-, refuxiado/a (2015) e corrupción (2014).
O traballo conxunto entre a Real Academia Galega e a Fundación Barrié permitiu tamén levar a cabo as últimas actualizacións do Dicionario da Academia, que fan posible un uso máis personalizado e interactivo, e o desenvolvemento de aplicacións para empregalo desde teléfonos móbiles e tabletas con sistemas iOS e Android.