Del Riego da II República á resistencia: de prometedor líder estudantil nacionalista a cónsul da diáspora en Vigo

O perfil máis político de Francisco Fernández del Riego, dende os anos mozos da II República ata a resistencia durante a ditadura, centrou a segunda xornada do curso Francisco Fernández del Riego na cultura galega do século XX. O encontro arrincou cunha contribución sobre os anos de formación política e intelectual antes da guerra, período no que se revelou como líder estudantil e destacado membro do Partido Galeguista malia a súa mocidade. O programa incluíu unha mesa redonda na que se abordou a experiencia do protagonista do Día das Letras Galegas 2023 na guerra civil como soldado forzoso de Franco e o seu papel na fanada reconstrución do Partido Galeguista na clandestinidade; e un relatorio sobre o labor tendendo pontes entre a Galicia interior e a Galicia exterior durante a ditadura, que exerceu dende Vigo actuando como un auténtico “cónsul da diáspora”, en palabras do director da Sección de Historia da RAG, Ramón Villares.

1/13

O profesor Xesús Alonso Montero analizou pola súa banda en clave política a amizade entre don Paco e Luís Seoane. A xornada concluíu cun percorrido didáctico pola vila natal do protagonista do homenaxeado guiado polos estudosos locais da súa figura Manuel Román e Xosé López.

A Real Academia Galega, a Universidade de Santiago de Compostela e o Concello de Lourenzá coorganizan este foro, que se está a celebrar en Lourenzá, no marco dos cursos de verán da USC. A  Academia conta co apoio económico para o seu desenvolvemento da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, a través da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, e do Ministerio de Ciencia e Innovación.

Vídeo do programa da mañá

A idea de nación
A xornada comezou cunha achega de Justo Beramendi sobre a etapa universitaria de Del Riego. O excatedrático de Historia Contemporánea da USC non puido estar presente en Lourenzá, pero o seu traballo foi lido polo tamén historiador Uxío Breogán Diéguez. O profesor sitúa o homenaxeado na que se podería chamar a segunda xeración nacionalista, a que vén xusto despois da dos fundadores das Irmandades da Fala en 1916. Con só 18 anos enrolouse na Asociación Nazonalista de Santiago, que se integraría pouco despois, en decembro de 1931, no Partido Galeguista. Fíxoo probablemente recrutado por Lois Tobío, estudante de Dereito coma el e o seu introdutor nos círculos galeguistas da universidade, onde chegaría a ser líder estudantil.
 
Situado na liña liberal-demócrata, “tanto polas súas ideas coma polos seus actos”, entrou no nacionalismo galego asumindo a idea de nación, na súas propias palabras nun artigo de 1933, “como entidade natural produito da espontaneidade do desenrolo histórico”, que se contrapón á do Estado, “obra dos homes, entidade artificial”. “Nunca abandonará totalmente esta idea pero si que a hibridará co concepto liberal para dar maior coherencia ás súas actitudes políticas. Será un dos poucos en facelo nese momento no seo do galeguismo”, analiza Beramendi. “Na súa diagnose dos problemas de Galicia, que chega a chamar colonia (1932), préstalle moita máis atención aos de natureza política e cultural, como a opresión nacional, a marxinación da lingua e a cultura propias, que aos de índole socioeconómica (atraso, emigración) e, como todos os galeguistas dende Murguía e Rosalía, apón a responsabilidade maior deses males a Castela que, a través da España-Estado, asoballa co centralismo as demais nacións ibéricas e lles impón a súa lingua e os seus valores”, engade Beramendi. 

Manifesto para a modernización da universidade
Del Riego exerceu o seu activismo nacionalista dende distintos espazos, tamén o universitario, empezando pola Federación Universitaria Escolar (FUE). Malia os seus reiterados esforzos, o nacionalismo non puido construír unha organización universitaria propia, pero conseguiu unha notable influencia nesta de carácter estatal grazas ao esforzo de distintos estudantes do Partido Galeguista, entre eles el mesmo. “Ademais de promover cursos extracurriculares sobre historia, literatura, lingua e xeografía de Galicia e de dirixir a efémera revista Universitarios, publicou en varios periódicos artigos nos que reclamaba unha universidade galeguizada, modernizada, autónoma e con máis titulacións, concretamente Veterinaria e Arquitectura. En marzo de 1933 encabezou, xunto con Carballo Calero, un manifesto, asinado por vinte e cinco estudantes, que pedía unha universidade menos funcionarial, máis científica, centrada na realidade de Galicia e accesible aos mozos con menos recursos porque os estudos superiores debían ser un dereito de todos e non un privilexio”, detalla o historiador.

O premio ao seu labor como dirixente da FUE chegoulle no outono de 1933, cando foi elixido polos seus compañeiros para representalos no acto de inauguración do curso. “No discurso que pronunciou, logo de deixar claro que falaba castelán por imposición oficial, foi desenvolvendo, para desagrado da maior parte do profesorado presente, as reivindicacións do programa antedito”, recorda Justo Beramendi, que tamén chama a atención sobre a divulgación cultural que Del Riego demostrou a través de múltiples artigos xa naquela altura. Nestas páxinas o repaso da nómina de artistas, literatos e pensadores que cita revela “unha base intelectual que resulta extraordinaria en cantidade e calidade para un mozo entre 19 e 23 anos”. “Defende unha alta cultura feita dende o ‘esprito’ galego pero innovadora coma a que máis. Nesta liña, defende as vangardas artísticas e até se permite reprochar a Castelao que as rexeitase no seu Diario de 1921”, exemplifica.

Membro activo do Partido Galeguista
Del Riego compaxinou o activismo universitario cunha militancia intensa no Partido Galeguista. “Participou como orador nas campañas do partido e prodigouse no eido que mellor se lle daba: a prensa. Dende ela reclamaba a autonomía de Galicia antes do inicio do proceso autonómico, atacaba o españolismo dende A Nosa Terra e apostaba polo triunfo do nacionalismo. Pero non só escribiu, tamén participou na creación de novos periódicos políticos como Alento. Boletín de estudos polítecos (1934) e Ser. Semanario de izquierdas (1935)”, repasa.

En 1934 aquel mozo natural de Lourenzá acadou as maiores responsabilidades orgánicas da súa curta carreira ao ser elixido secretario xeral da organización xuvenil do PG, a Federación de Mocedades Galeguistas, e tamén subdirector d’A Nosa Terra e membro do consello galego de Galeuzca. Máis adiante participaría moi activamente nas campañas triunfantes das eleccións de febreiro de 1936 e a posterior do referendo do Estatuto. “Por fin o nacionalismo galego conseguía unha gran vitoria, mais a alegría do 28 de xuño durou só tres semanas. Cando chegou a barbarie xenocida, Del Riego salvou a vida por pouco, e con ela o seu compromiso con Galicia para o resto da súa longa vida”, conclúe Beramendi.

Tempo despois de estoupar a guerra civil, Fernández del Riego foi un dos republicanos convertidos en soldados forzosos recrutados polas tropas franquistas. Nesta etapa céntrase o traballo co que participa no congreso o académico Lourenzo Fernández Prieto, que non puido acudir ao encontro, pero cuxo traballo foi resumido no marco dunha mesa redonda na que o profesor da Universidade da Coruña Uxío Breogán Diéguez se detivo no papel do intelectual na fanada reconstrución do Partido Galeguista durante o franquismo; e Pablo García Martínez, do Instituto da Lingua Galega, falou sobre Del Riego e a emigración.

O relanzamento do Partido Galeguista nos anos 40 do pasado século após o golpe militar de xullo de 1936 foi un labor no que Francisco Fernández del Riego participou de maneira destacada, salienta Uxío Breogán Diéguez. “Foi o deseñador da reconstitución do PG, xunto a outras figuras como Xaime Illa Couto e Ramón Piñeiro. E ademais sería o encargado das relacións co exterior do galeguismo, mantendo as pontes entre o galeguismo político do interior e o do exilio”, sintetiza. Un proceso político desenvolvido na clandestinidade ao servizo do galeguismo a partir do cal -contextualiza- nacerían outros proxectos, como a editorial Galaxia, a revista de pensamento Grial ou o Día das Letras Galegas, entre outras iniciativas, e que provocou que ingresase en prisión en dúas ocasións, igual ca outros compañeiros.

Un consulado dende Vigo para a diáspora galega
Ramón Villares pechou a mañá cun relatorio no que profundou na relación do autor coa diáspora en América. “Del Riego exerceu durante anos unha especie de representación oficial dende Vigo do Centro Galego de Buenos Aires, que era o máis importante de América,  e ao mesmo tempo exerceu labores propia dun consulado: recibía os que viñan, mostráballes Vigo, enviáballes libros, despedía os que marchaban e proxectaba a imaxe de persoeiros importantes da nosa cultura cara a fóra. O traballo que desenvolveu foi moi importante para manter vivas as relacións entre o interior e o exilio, e especialmente intenso dende que se restauraron as relacións epistolares tras a segunda guerra mundial e ata aos anos 60. Del Riego foi o elo fundamental entre o exilio e a emigración da Arxentina, pero tamén do Uruguai, Venezuela e, en menor medida, México. Servía de enlace para todo”, resume o director da Sección de Historia da RAG.

A diáspora americana apoiou naqueles tempos iniciativas culturais no interior como a editorial Galaxia, a universidade e a propia Real Academia Galega, e creou premios para incentivar a obra literaria e de investigación contando sempre coa comunicación á outra beira do Atlántico de don Paco, quen tamén asumiu outro labor importante nesta relación transoceánica: divulgar en América o que se estaba a facer en Galicia dende a resistencia cultural. “Na revista do Centro Galego de Buenos Aires mantivo unha sección, Galicia cada 30 días, un espazo de difusión da cultura galega cara ao exterior no mundo dos exiliados e emigrados no que escribía sobre libros, premios, conferencias... Fixo neste sentido un traballo excepcional”, valora o catedrático emérito da USC.

Esta función non estivo exenta de problemas, proxeccións dos disensións que emerxeron a partir dos anos 50 na propia diáspora, onde en moitos casos os centros galegos sufriron divisións. “Estas situacións influíron nas relacións que se tiña dende Galicia con eles e tamén houbo escisións que tiveron o seu correlato no interior. Algúns dos problemas que tivo o grupo Galaxia cos novos tamén tiveron que ver coa influencia do mundo exterior en Galicia”, analiza Ramón Villares. 

Sesión da tarde

Luís Seoane
Nalgunhas diferenzas afondou pola tarde Xesús Alonso Montero, quen centrou a súa intervención no diálogo entre o exilio interior e o exterior a través do epistolario de Fernández del Riego e Luís Seoane, “o máis rico en información, ás veces un pouco críptica, como tiña que ser entre dúas persoas que falaban de política naquela altura”, interpreta o académico. Os dous persoeiros, amigos dende os tempos de estudantes na USC, intercambiaron preto de 300 cartas entre 1946 e 1979, semanas antes do pasamento do artista. Son misivas entre dúas persoas “que se queren e se admiran”, que se entendían ben, pero nas que tamén queda rastro da “fragmentación política” na diáspora e na resistencia do exilio interior, destaca. 

Dende Buenos Aires, Luís Seoane foi membro destacado da Asociación Gallega de Escritores, Universitarios y Artistas (AGUEA). Creada polo médico Antonio Baltar e de carácter comunista, a relación deste círculo con Ramón Piñeiro, grande ideólogo do Grupo Galaxia, non foi boa por mor da distancia ideolóxica entre ambas as partes, sinala Alonso Montero. “Pero Fernández del Riego segue sendo leal a Piñeiro sen deixar tampouco de ser leal a Seoane. Nun diálogo moi intelixente e respectuoso co seu amigo, en ningún momento critica a Piñeiro. E Seoane ao final tamén se dá conta de que, aínda que ten desacordos coa liña de Galaxia, non se pode facer moito máis na España de Franco”, conclúe. 

Percorrido pola Lourenzá de don Paco
A xornada concluíu cun percorrido didáctico polos espazos máis destacados da biografía de Francisco Fernández del Riego en Lourenzá, a cargo dos estudosos locais da súa figura Manuel Román e Xosé López. O protagonista do Día das Letras Galegas 2023 naceu o 7 de xaneiro de 1913 nesta vila luguesa, onde pasaría a infancia. “Dende esa data o cordón umbilical que vai unir a Del Riego con Vilanova, con Lourenzá, vai ser permanente”, salienta Román. Polo seu cantón paseou coa avoa Dominca, na súa escola pública aprendeu as primeiras letras, no convento, baixo a tutela dos monxes bieitos, preparou o bacharelato elemental e dende o balcón do seu concello, xa sendo un mozo, realizou a súa primeira intervención pública como orador, izando a bandeira de Galicia o Día da Patria de 1931, repasa.

Estas e outras vivencias son parte da audioguía ficcionada promovida pola Mancomunidade de Concellos da Mariña Lucense co gallo das Letras Galegas de don Paco, quen inmortalizou Lourenzá e a súa contorna en distintas obras, apunta Xosé López. Alén dos seus libros de memorias e do volume titulado Lourenzá, a súa terra natal tamén é obxecto de homenaxe na súa única novela, O cego de Pumardedón, que leva o nome dun topónimo próximo.