Os datos sobre a situación do idioma que acaba de publicar o Instituto Galego de Estatística (2024), analizados no Informe sobre a situación da lingua galega aprobado no Plenario, son contundentes: dramática redución da cifra de falantes de 5 a 14 anos, incremento exponencial das prácticas monolingües en castelán en todos os grupos de idade (que atinxe o 43% na cohorte de 15 e 29 anos e o 54% na de 5 a 14 anos), incapacidade para falar galego do 32% no grupo de idade máis novo, e incompetencia para escribilo do 38% nese mesmo grupo.
Estas cifras ofrecen unha proba rotunda das consecuencias do decreto chamado de plurilingüismo de 2010 e en xeral do abandono das políticas de protección do galego: incremento do monolingüismo en castelán e diminución tanto da competencia en galego canto do seu uso.
A Real Academia Galega tense manifestado reiteradamente sobre a situación do galego. Ademais de diversos estudos e informes, cómpre lembrar aquí pronunciamentos do seu Plenario como a análise do decreto de plurilingüismo (2010), a demanda dunha avaliación dos efectos deste decreto sobre as competencias do estudantado (2014), a reclamación de desenvolvemento do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2015) e o requirimento de aplicación íntegra da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias (2019).
O proceso de substitución do galego gañou un ímpeto extraordinario ao longo do presente século, e a caída de uso da lingua galega, sobre todo entre as novas xeracións, é un feito obxectivo que pon en grave risco a continuidade do idioma. Por tanto, cómpre sinalar o seguinte:
- A responsabilidade é de toda a sociedade galega, pero moi fundamentalmente de quen detén o goberno e dispón, xa que logo, dos mecanismos de actuación e planificación. A primeira responsabilidade é, por tanto, do goberno galego.
- Hai varias frontes necesitadas de actuación urxente, entre as que salientamos:
- No seo das familias vivimos unha dramática ruptura da transmisión xeracional.
- Na escola non podemos aceptar que nenos e nenas que chegan ao ensino infantil e primario falando galego (a lingua das familias) volvan ao pouco tempo falando castelán. Os obxectivos do sistema educativo establecidos pola Lei non se cumpren.
- Os medios de comunicación, que afrouxaron nas iniciativas creativas arredor da lingua, son axentes fundamentais para a normalización do idioma. En canto aos medios públicos, manifestamos a nosa fonda preocupación pola posibilidade do uso doutras linguas que permite o Proxecto de lei de servizos de medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia para a sociedade dixital.
- A industria da cultura precisa mecanismos e estratexias de difusión que permitan aos creadores en galego chegar ás audiencias (sobre todo á xente nova) e compensar a forte incidencia da oferta global.
- Os axentes representativos da sociedade civil e as administracións son fundamentais. Urxe unha política estimulante que incorpore o galego ao mundo da empresa, a publicidade, o comercio, os deportes, o lecer, o culto relixioso etc. , e mais que o active na administración pública, na sanidade, na xustiza…
- A respecto da presenza da lingua nas novas tecnoloxías da comunicación, é necesaria unha estratexia activa que estimule os creadores nas redes sociais, a súa presenza na intelixencia artificial etc.
- Achegamento ao portugués sen renunciar ao galego potenciando a dimensión internacional do idioma a través da lusofonía.
- Todo o anterior debería concretarse nunha revisión do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, en que deben participar os axentes sociais relevantes. Esta revisión debe prever a súa implementación, con medidas concretas, dotadas do correspondente orzamento, e obxectivos temporalizados, con indicación dos órganos executores e previsións de avaliación periódica do seu cumprimento.
- A Carta Europea das Linguas Rexionais e Minorizadas, compromiso internacional que obriga ao Estado e á Xunta de Galicia, debe ser cumprida na súa integridade. Isto implica o deseño dun marco normativo novo para o galego, incluíndo un novo decreto para o sistema educativo que substitúa o decreto de plurilingüismo de 2010, que diminuíu a presenza do galego no ensino e que a RAG recorreu legalmente no seu día. Tal como esta Carta prevé, debe ofertarse unha liña de ensino en galego desde a escola infantil á Universidade. Igualmente, cómpre que o sistema universitario se comprometa co uso do galego como lingua da docencia.
- Como punto de partida para esa nova política, é imprescindible que se chegue a un Pacto pola Lingua Galega que implique o conxunto da sociedade. As formacións políticas representadas no Parlamento son a expresión da soberanía popular e a elas corresponde a iniciativa, mais contemplando a participación activa dos axentes sociais.
- A Real Academia Galega insta a Xunta de Galicia e as forzas políticas a iniciaren o novo curso político cun proxecto de futuro para o idioma que comprometa e ilusione. Cómpre situar o patrimonio común do idioma por riba dos cálculos a curto prazo e das controversias partidistas. Esta é unha tarefa urxente, que non admite máis demoras.
A Coruña, 13 de decembro de 2024