O presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes, o vicepresidente segundo da Deputación de Pontevedra, Rafael Domínguez; a directora do Museo de Pontevedra, M.ª Ángeles Tilve; e a académica correspondente Luz Méndez, coordinadora da xornada canda a académica de número Ana Boullón, inauguraron o encontro. Ao longo do día interviñeron Domingo Blanco, Xosé Miranda e Antonio Reigosa, coautores de obras como o Dicionario dos seres míticos galegos (1999); a antropóloga da Universidade de Santiago de Compostela Elena Freire Paz; e a cantora, improvisadora oral e docente Alba María.
“Coma sempre, queremos abrir novas perspectivas de estudo da ciencia onomástica a aspectos pouco analizados entre nós, xerar debate científico e divulgar e normalizar os nomes propios persoais e de lugar”, explicou Luz Méndez. Con este obxectivo, desta volta o eixe da xornada é a expresión popular dos nomes propios, “transmitida durante xeracións e significativa para entender a nosa idiosincrasia tamén en canto á comunicación, á complicidade ou aos sobreentendidos que nos unen como pobo”, engadiu.
Estes encontros en Pontevedra arredor da onomástica constitúen “unha magnífica oportunidade para profundar na memoria da lingua e o seu vencello coa historia do país e dos seus habitantes- Detrás dos nomes das cousas e das persoas está a historia de nós”, salientou o presidente da RAG, que agradeceu o apoio das institucións que fan posible esta cita anual.
A onomástica no conto popular
“A maioría dos personaxes que interactúan nos contos galegos de tradición oral non teñen, por regra xeral, un nome persoal propio nin as accións suceden nun lugar preciso con nome de seu. Son estereotipos que representan patróns culturais, modelos sociais que se identifican con roles ou funcións que forman parte dunha convención non escrita de símbolos”, explica Antonio Reigosa. “Cando se nomean adóitase facer con xenéricos de uso frecuente e os correspondentes hipocorísticos, como María, Sabela, Xoana, Marica, Mariquiña e Maruxa, para as mulleres; Xan, Pedro, Farruco, Manuel, Mingos, Xanciño, Perucho, Perico... para os homes”, detalla o promotor da enciclopedia virtual da fantasía popular de Galicia. E o mesmo acontece -prosegue- cos animais máis representativos das fábulas que, alén de identificarse pola súa especie, que lles confire unhas características moi concretas, poden ser chamados por un nome propio.
Entre os contos de animais que se rexistran na tradición oral galega, os antropónimos que máis se adxudican ao gran protagonista, o raposo, son Pedro, Afonso, Perico e García, xunto aos alcumes Milmañas e Patarrastro, mentres que para referise á raposa se empregan sobre todo María, Marica e Maruxiña. Cunqueiro mencionaba tamén os alcumes Xatentendo ou Xamescurros e sinalaba que o motivo de referirse ao golpe por algún destes nomes propios ten que ver precisamente coa súa capacidade de entender a linguaxe humana que apuntaba o gran fabulador de Mondoñedo, recorda Reigosa. Porque, como acontecía entre os labregos da Francia medieval, en Galicia tamén se rexistra a crenza de que referirse ao raposo como tal atrae a mala sorte. A razón é sinxela: ao sentir que están a falar del e saber así que o van perseguir ou poñerlle algunha trampa, pode adoptar medidas preventivas.
Programa da mañá
María, o nome máis común no cancioneiro
Outra manifestación da literatura oral popular, o cancioneiro, tivo un protagonismo especial na xornada. Nela detivéronse as intervencións de Domingo Blanco, Xosé Ramiro Cuba e Xosé Miranda, quen abordou o significado connotativo do nome María e os seus hipocorísticos nas coplas. A escolla non é casual. “En case o 50 % das coplas con nome de muller aparece o de María ou o seu hipocorístico”, concreta o escritor e especialista en literatura de tradición oral. E, como acontece nos relatos, no cancioneiro María deixa de ser só un nome de muller para se converter na práctica nun sinónimo de muller.
Neste fenómeno de recualificación do nome propio en nome común, María pode designar dende calquera muller, unha muller activa e dominante -social ou sexualmente (María, miña María, / María, miña muller: / eu pensei que ti eras miña / e ti es de quen te quer ou María ten sete saias / todas sete lle están ben / debaixo das sete saias / ten a motora do tren)-; o estereotipo da rapaza namoradeira (Baixa, Maruxiña, baixa, / baixa por ise carreiro, / que sei que te está acadando / o amorciño primeiro); e o estereotipo da moza amada (Se me miras, Maruxiña, / non me mires dese modo; / mírame doutra maneira / si non, volvereime tolo); ata o de moza ignorada e obxecto de burlas (María, miña María, / miña María, meu ben, / se eu hei vivir en pena, / vive ti, que tanto ten); anciá, que con frecuencia pode ser mencionada en relación á súa sexualidade, continuamente motivo de burla no cancioneiro en relación cos vellos e, sobre todo, as vellas (María a da venda nova, / dempois de vella é gaiteira: / mandou facer unha saia / rota pola dianteira); ou mesmo unha figura grotesca.
María e os seus hipocorísticos, de novo coma no mundo dos contos, poden ademais designar nas cantigas animais de sexo feminino. “As pegas chámanse maricas, as avelaíñas maruxas e as cascarrubias maruxiñas, e atopamos cantigas onde María é unha aña ou unha vaca”, enumera Xosé Miranda. Son unha boa mostra de deonomásticos, nomes propios que se converten en nomes comúns.
Os topónimos no cancioneiro
Os nomes de lugar están igualmente moi presentes nas coplas populares. Nesta relación centrouse Domingo Blanco, que leva traballando dende comezos dos anos setenta no eido da literatura popular galega, nomeadamente a que se rexistra a partir do s. XVIII. “Moitas cantigas refírense ou teñen como escenario aldeas, vilas, comarcas, paraxes e cidades designadas cun nome concreto, un topónimo. Este tipo de coplas, de feito, teñen unha presenza relativamente alta e constante no conxunto dos cancioneiros de Galicia”, valora o estudoso. “Na recolleita de Saco o número de cantigas cun ou máis topónimos é dunha de cada sete; na de Casal, unha de cada oito; e na de Pérez Ballesteros, case unha de cada seis”, precisa.
Pero que explica a elección dun topónimo neste tipo de versos? A súa escolla garda unha estreita relación co público presente e as súas expectativas, por unha banda, e co interese do cantador ou a cantadora polo que hai nese lugar, a valoración que lle merece ou o que acontece nel. Deste xeito, unha parte importante das mensaxes que se cantan teñen por obxecto o sector de oíntes máis próximos, mencionando a miúdo as mulleres novas, e en contadas ocasións tamén os mozos dun lugar (Elas eran de Laíño / elas de Laíño son, / collen o xunco na braña, / vano vender ó Padrón); monumentos, lugares naturais ou plantas (O carballo da Portela / ten tres carros de madeira; / un é meu, o outro teu, / outro busca quen o queira); obxectos ou actividades admirables ou evocadoras (O cantar bergantiñán, / o cantar de Bergantiños / en Xallas é maïán; Este é o son da Mariña, / este é son mariñán; / este é o son da Mariña, / que o trouxo meu irmán); persoas sentimentalmente vencelladas a quen canta (Por Altamira andei / tras dunha costureiriña; / agora quedei sen ela / coma agulla sen liña), ou romarías e festa patronais, entre outros motivos (San Antonio de Cuíña, / San Pedro de Perzomillos, / Santo Estevo de Vicente, / todos tres eran veciños).
Entre todas as coplas toponímicas, Vexo Vigo, vexo Cangas / tamén vexo Redondela, / vexo a Ponte de San Paio, / camiño da miña terra é sen dúbida unha máis repetidas e imitadas, e un exemplo para Blanco de como o cancioneiro reflicte en ocasións a realidade exterior como un camiño ou conxunto deles. Outras amosan trazos que caracterizan o camiño e a viaxe, e mais os motivos de quen camiña (Desde o alto de Picaño / a Santiago veño eu, / para ver a miña filla, / que no hospicio naceu).
O cancioneiro recolle ademais topónimos inventados. “Son nomes de ningures, como a aldea de Fuicheiriña, a feira de Mal Vexas e a de Arrastro Andes, ou a suposta romaría da inexistente Santa Lilaila, que teñen a única finalidade de producir un efecto cómico ou burlesco”, explica Domingo Blanco. Pero tamén existen achegas novas que incorporan a un topónimo coñecido “unha nota descritiva da sensación ou a experiencia de chegar ata un lugar”, conclúe en referencia a exemplos como Santo André de Lonxe ou San Cibrán de Lonxe.
A denominación das casas no rural
A antropóloga Elena Freire pechou a sesión da mañá cunha achega sobre as denominación da casa no mundo labrego, que nomea todos os membros da familia que a habita. Porque, a diferenza do que acontece no mundo urbano, no rural a pregunta identificadora por excelencia non é o “como te chamas?” senón o “de que casa es?” ou “de quen vés sendo?”, que dá conta do “vínculo indisoluble entre a casa e os individuos” da cosmovisión do rural. “Os nomes da casa funcionan como santo e sinal para todos os integrantes desa categoría na que se funden os dous tipos de condicións sociais previas: as relacións de parentesco e as relacións de produción”, resume a investigadora.
“Posiblemente a maior transcendencia do nome da casa pode ser estimada nunha ollada simple a calquera cemiterio do rural, onde a súa presenza resulta imprescindible para identificar os nichos e as sepulturas por riba dos nomes e apelidos das persoas alí enterradas. Esta mesma circunstancia, aínda que de xeito máis efémero, pode ser comprobada nas notas necrolóxicas que todos os días aparecen nos xornais e espazos públicos con independencia do seu soporte, físico ou virtual, e tamén en medios de comunicación radiofónicos.”, reflexiona a profesora da USC.
Moitos deles, transmitidos xeración tras xeración, son o nome propio ou o apelido dun dos seus antigos habitantes, pero tamén son comúns os adeallos. “Os alcumes poden presentar variacións entre aqueles simplemente descritivos ou, en moita menor medida, algún despectivo. De todas formas, para que un alcume pexorativo se eleve a nome da casa e da liñaxe a ela pertencente debe darse primeiro unha condición sine qua non: que a familia torne o aspecto desprezativo inicial e se recoñeza con orgullo como pertencente a esa descendencia”, expón.
A localización da fogar na aldea (Casa de Abaixo, Casa da Igrexa, Casa da Veiga), a prevalencia social (Casa do Conde, Casa da Torre, Casa do Crego) ou o oficio dos seus ocupantes (Casa do Ferreiro, Casa do Bateeiro, Casa da Oficiala) son outras tres fontes habituais das que se bota man para designar unha casa.
Programa da tarde
Proposta didáctica
A cantora, improvisadora oral e docente de secundaria Alba María Rodríguez, coñecida como Alba María, presentou pola tarde a proposta educativa “Longas terras”, centrada na celebración de obradoiros de creación de romances vinculados á toponimia ao abeiro das accións do colectivo de improvisación e poesía oral Erre que Erre.
“Xunto coa práctica poética, a onomástica, e nomeadamente a toponimia, supón a mellor aliada para coñecermos o valor do territorio e a mobilidade das persoas que iniciaron e transmitiron a poesía oral, así como para concienciarnos sobre o uso do galego como fonte e ferramenta útil”, afirma a filóloga. A valorización deste patrimonio inmaterial, conformado polos romances (cantos narrativos), as regueifas ou os brindos (cantos líricos), entre outros xéneros, supón ademais, ao seu xuízo, “o caldo de cultivo idóneo para traballar distintas destrezas lingüísticas, mellorar certos aspectos gramaticais, fomentar unha aprendizaxe significativa en grupo e desenvolver a oralidade, adaptado todo isto por parte do propio alumnado ao seu contorno”.
A xornada rematou cunha actuación musical de Tralo-Valo, con Carmen da Pontraga na voz e na percusión e Ariel Ninas na zanfona. Na última peza sumouse tamén coa zanfona o coordinador do Seminario de Onomástica da RAG, o académico de número Antón Santamarina.