De camiñada por Pontevedra con María Victoria Moreno

María Victoria Moreno chegou a Galicia en 1963 e desde entón estableceu o seu fogar en Pontevedra, onde viviu ata o s eu pasamento en 2005. Moitos son os espazos desta cidade que marcaron o seu día a día, e tamén a súa obra. A través deles é posible trazar un itinerario pola traxectoria vital da autora protagonista do Día das Letras Galegas 2018, e tamén pola evolución do municipio nas últimas décadas. Este foi o reto que asumiron a escritora e académica Fina Casalderrey e a profesora da Universidade de Vigo Ana Acuña, autoras das Camiñadas con María Victoria Moreno, un proxecto posto en marcha ao abeiro da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra que botou a andar o pasado venres, 6 de abril.

A escritora e académica Fina Casalderrey guía a primeira Camiñada con María Victoria Moreno. Fonte: Concello de Pontevedra


Fina Casalderrey, natural e veciña de Pontevedra, foi a encargada de guiar a primeira destas camiñadas, abertas a todas as persoas que desexen participar nalgunha delas. Para poder facelo, só é preciso comunicalo previamente no correo electrónico normalizacionlingüistica@pontevedra.eu ou no teléfono 986 804300, extensión 7107.

As autoras deseñaron un itinerario principal, unha versión reducida e outra ampliada, dispoñibles nunha publicación dixital e en papel que inclúe tamén unha breve biografía da vida de María Victoria Moreno antes de chegar a Pontevedra e unha cronobiografía. O percorrido parte da ponte da avenida de Vigo (a rúa en que sempre viviu), cuxa inauguración en 2006 foi unha homenaxe póstuma a esta veciña ilustre: nesta estrutura pode lerse unha das frases que ela puxo en boca de Xulia Andrade, a protagonista de Anagnórise: "As persoas estamos feitas para levar a cabo os proxectos máis fermosos". "Esta frase cumpriuse en María Victoria Moreno, pois, como intentaremos mostrar neste roteiro, converteu en realidade grandes proxectos para o país", expoñen as autoras.

Desde este punto de saída, o paseo transcorre polos lugares que formaron parte da vida diaria da escritora e profesora: desde os edificios onde viviu, os institutos Torrente Ballester e Valle-Inclán, onde impartiu docencia; Campolongo e a beira do río Gafos, onde adoitaba ir pasear cos seus cans; a rúa Andrés Muruais, onde en 1973 abriu con outros oito socios e socias a libraría Xuntanza; ou o Casino de Pontevedra, onde se converteu ese mesmo ano na primeira muller en impartir unha conferencia (sobre Galicia e Federico García Lorca), ata a praza da Ferrería, arredor da cal se atopan distintos cafés e bares nos que María Victoria Moreno se xuntaba coas amizades.

As Camiñadas con María Victoria Moreno súmanse ás xa realizadas pola Concellaría de Normalización Lingüística sobre outros autores das nosas letras como Castelao, Pintos ou Sarmiento. Co gallo do Día das Letras Galegas dedicado á autora, o departamento tamén traballa nun documental que recolle testemuños que retratan a súa personalidade e a súa obra. A peza audiovisual estrearase o xoves 26 de abril, ás 20:30 horas, no Teatro Principal de Pontevedra.


María Victoria Moreno paseando os seus cans por Pontevedra vista por Ana Seoane, ilustradora das Camiñadas con María Victoria Moreno.