Das prácticas ensaísticas aos primeiros discursos en galego

Aínda que non é doado atopar nas Irmandades da Fala ensaios en sentido estrito, o movemento fundando en 1916 asumiu o desafío de dar o salto da poesía á prosa non ficcional en galego, tanto na modalidade escrita coma na oral. Este tipo de produción foi o eixe da primeira mesa de debate do ciclo da RAG No tempo das Irmandades: fala, escrita e prelos, celebrada o 7 de xullo no Museo do Pobo Galego. Arturo Casas, Teresa López e Xesús Alonso Montero profundaron en distintos aspectos do tema nun encontro moderado por Henrique Monteagudo.
Arturo Casas, Xesús Alonso Montero, Henrique Monteagudo e Teresa López
Pola esquerda, Arturo Casas, Xesús Alonso Montero, Henrique Monteagudo e Teresa López na primeira mesa de debate sobre as Irmandades. Autor: RAG


O secretario da RAG e moderador da mesa, titulada Oratoria e prosa non ficcional, puxo o acento na importancia que lle deron as Irmandades da Fala ao desenvolvemento da prosa en galego, "un desafío moito máis complexo que o da poesía, e non por razóns literarias senón sociolingüísticas". Mentres que no Rexurdimento a reivindicación do galego se centrara na produción poética, as Irmandades da Fala deron o paso cara a distintos tipos de prosa de non ficción, desde a informativa e a de opinión ata fórmulas máis ensaísticas. "As Irmandades da Fala van falar dos problemas de Galicia, e iso implica empregar a prosa para que todo o mundo entenda a mensaxe. Deuse así o paso da lingua cultivada basicamente na poesía a xéneros textuais máis correspondentes á modernidade", introduciu Henrique Monteagudo.

Arturo Casas, profesor do Departamento de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela e neto de membros das Irmandades da Fala, analizou esta produción desde a perspectiva teórica do ensaio. "Na xeira das Irmandades non é doado atopar ensaios en sentido estrito, e por iso prefiro falar de prácticas ensaísticas. En que medida fai Otero Pedrayo máis ensaio cando escribe determinadas narrativas que cando escribe un suposto ensaio, que pode ser prosa didáctica ou escritos entre a etnografía e a xeografía humana? En toda esa época hai un proceso ensaístico nas distintas prácticas literarias, na novela ou no teatro".

O grupo Nós foi o primeiro que interveu como xeración intelectual no ámbito das letras galegas e foron os que consolidaron a prosa culta de ficción e de non ficción. Esta última orientouse cara ás devantidas modalidades discursivas ensaísticas, nun momento en que se reforzaba un público moderno que quería participar na modernización do país, profundou Casas.

Ideas e debates sobre literatura
Teresa López analizou as ideas sobre literatura nas distintas modalidades de prosa non ficcional desde 1916 ata 1936. Só nas editoriais de Ánxel Casal, Lar e Nós, esta sumou máis dunha trintena de títulos, que van desde a prosa científica, a prosa didáctica e a propaganda política aos libros de viaxes, detallou a profesora do Departamento de Galego-Portugués da Universidade da Coruña.

"Unha constante nestas modalidades é a presenza da literatura, aínda que aparentemente non sexa textos que se ocupen de falar do literario", salientou López. Un claro exemplo atópase na importancia que lle conderon á función do "poeta nacional", ben patente no discurso fundacional das Irmandades de Santiago, no que Lois Porteiro Garea lle dedicou unha parte específica a Ramón Cabanillas; pero tamén nas reflexións sobre o tipo de literatura que hai que escribir para apoiar o obxectivo político. "Quizais é nos textos de Vicente Risco nos que se ve máis claramente a pulsión por orientar a produción literaria, partindo do concepto de Galicia como nación e dos trazos do carácter nacional: o humorismo, o lirismo ou a saudade, elementos que van priorizar tamén outros autores (…). Son roupaxes diversas que se van reiterar, como o enxebrismo que se espera da arte e da literatura galega".

A experta tamén se referiu á contestación a estas pautas reflectida no manifesto Máis alá (1922) de Manoel Antonio, "a manifestación máis coñecida" do debate entre os novos e os vellos. "Vese como un debate arredor da vangarda, cando é un debate ideolóxico e político".

Os precedentes da oratoria
O presidente da Real Academia Galega abordou a importancia da oratoria no tempo das Irmandades, conferencias, mitins e outras intervencións públicas a miúdo previamente escritas e posteriormente publicadas. Xesús Alonso Montero recordou que ata a fundación deste movemento o uso do galego nestes contextos era practicamente inexistente. O primeiro precedente é o discurso que pronunciou Manuel Lugrís en 1907 nun mitin de Solidaridad Gallega celebrado en Betanzos. "A oratoria agraria funcionaba en castelán. Nese mitin Lugrís xustifica por que fala galego".

E que acontecía no campus de Santiago de Compostela? "Na Universidade pasouse do latín ao castelán, no século XIX. A primeira conferencia en galego, que non lección, é do ano 1915, A transformación do dereito civil pola Grande Guerra, de Luís Porteiro Garea".