Público seguindo a mesa de debate celebrada no Centro Cultural Marcos Valcárcel. Na mesa, de esquerda a dereita, Antón Santamarina, Xesús Alonso Montero, Rosario Álvarez e Henrique Monteagudo. Autor: RAG
A mesa foi presentada polo presidente da Academia, quen gabou a figura de Marcos Valcárcel no centro que hoxe leva o seu nome. Valcárcel, membro correspondente da RAG falecido en 2010, foi "unha das grandes promesas da nosa cultura", salientou Xesús Alonso Montero.
Unha parte importante dos problemas que sufría o galego cando naceron as Irmandades, hai agora un século, era a falta de tradición do cultivo escrito e, xa que logo, tamén a falta de costume da poboación de ler e escribir na lingua propia. Os irmáns traballaron na definición dun rexistro culto, que servise tanto para producir textos ensaísticos, xornalismo ou ciencia, como para o discurso público, o debate político ou o ensino. E un dos esteos do programa que desenvolveron foi o pobo galegofalante, "elemento nuclear esencial sen o cal non se pode pensar no galego culto", destacou Rosario Álvarez.
O pobo foi recoñecido como o vínculo máis fiable da fala cos devanceiros e o mellor garante da tradición e da autenticidade, algo esencial para este movemento, que reivindicaba a responsabilidade de manter vivo, e transmitirlles ás xeracións vindeiras, o idioma herdado dos avós. As Irmandades tamén foron conscientes da necesidade de actuar para superar o dialectalismo, "limpar" a lingua de castelanismos e dotala dun rexistro culto, e para iso botaron a vista atrás, pois eran xa coñecedores do esplendor que viviu o galego na Idade Media. Pero tamén apostaron por modernizalo recorrendo á enorme riqueza léxica dos mundos agrario ou mariñeiro, dándolles novos significados ás palabras para que pasasen do campo material á expresión intelectual".
Rosario Álvarez tamén se referiu ás críticas que recibiron por parte dos seus detractores os membros das Irmandades, cuxo compromiso ético queda sintetizado na frase de Antón Villar Ponte que escolleu como título para a charla: "Fagamos do noso idioma unha relixión de homes dignos".
Henrique Monteagudo profundou nalgúns aspectos do traballo das Irmandades para superar a falta de prestixio do idioma na intervención titulada Lingua nacional, idioma moderno. As Irmandades e a Fala. Elas foron pioneiras en advertir que a percepción do galego como dialecto era un problema e a solución que propuxeron pasaba por concibilo como lingua nacional, explicou. Para "recargala de prestixio" e recuperar falantes entre a mocidade urbana, na que gañaba peso o castelán, decatáronse da importancia de ir alén do cultivo poético do século XIX e crear unha prosa culta, unha narrativa moderna, mesmo con coleccións de quiosco, e medios de comunicación que se expresasen en galego, como foron A Nosa Terra ou a revista Nós.
O labor que realizaron neste terreo sentou as bases da racionalización e simplificación do galego escrito e da nosa narrativa do século XX. Na area política, o máis destacable son os pasos na defensa da oficialidade da nosa lingua. "No aspecto de erguer o galego como lingua nacional, a conquista máis importante é o proxecto do Estatuto de 1932, en que é declarado lingua oficial de Galicia por primeira vez. A idea quedou aí e cando se retomou [no Estatuto de 1981], isto xa non se discutiu. Podemos consideralo un legado das Irmandades, con todo o que implica", valorou Monteagudo.
Antón Santamarina participou co relatorio Galicia e Cataluña: aproximación ó estudo dunha relación, no que abordou o que representou Cataluña como espello no que se miraron os irmandiños con vistas ao recoñecemento da personalidade cultural e política.O comportamento idiomático dos cataláns dos comezos da Renaixença era moi parecido ao que se daba en Galicia: "tiñan bilingüismo e diglosia perfectos, como entre nós". Nesa paisaxe comezou a recuperación do catalán polo vehículo literario, con iniciativas como os Jocs Florals, que tiveron eco axiña en Galicia, en 1861, aínda que cunha consciencia idiomática menor, xa que aquí as bases só esixían que fosen en galego as poesías que tivesen como tema Galicia.
"Entre nós, o galeguismo primeiro rexionalista e despois nacionalista tivo sempre moi en conta o que ocorría en Cataluña. Son moitas as publicacións da época na que se invoca o exemplo catalán", resumiu Santamarina, que puxo como exemplo algúns textos de Antón e Ramón Villar Ponte, Vicente Risco ou Lois Peña Novo. "Que Cataluña era un espello no que mirarse vese claro en que se intentou aquí, ás veces con nomes calcados, botar a andar organizacións ou iniciativas que se correspondían con outras que viran a luz algo antes en Cataluña", proseguiu referídonse á Liga Gallega, fundada en 1897 e presidida por Manuel Murguía, ou o Seminario de Estudos Galegos (1923), con "moitas coincidencias co Institut d'Estudis Catalans".
Esta admiración por Cataluña debeu de espertar algún receo en certos sectores. "Desa maneira se entende que algúns galeguistas tivesen que xustificar que o noso movemento non lle debía nada ao catalán", apuntou Santamarina, que recordou os comentarios nesta liña de Porteiro Garea en A los gallegos emigrados. Para concluír, o académico sinalou que se ben houbo aspiracións semellantes e que se intentou pór medios similares ao servizo das causas correspondentes, os resultados obtidos en Galicia, como é sabido, "foron moi distintos" aos colleitados en Cataluña.