Ramón Villares durante o relatorio. Fonte: RAG
O académico e codirector dos cursos Henrique Monteagudo foi o encargado de presentar aos estudantes, procedentes de catro continentes, o relator, catedrático de Historia Contemporánea da USC. Ramón Villares é especialista en historia agraria, o eido no que primeiro profundou como historiador, mais tamén é un referente na historia cultural e nos estudos migratorios de Galicia, salientou Henrique Monteagudo. Nestes dous campos móvese a historia dos símbolos do país, creados de forma coetánea á rexistrada en moitas outras nacións sen estado, entre elas Cataluña e Euskadi.
Os símbolos nacionais, entre os que destacan os himnos e as bandeiras, xurdiron como unha maneira de representar a nación mediante "mecanismos simples, fáciles de percibir e de ser asumidos como propios", definen dun modo rápido o que é unha comunidade e funcionan como xeito de unila a través dos afectos. No caso de Galicia, o rexionalismo cultural de finais do século XIX tivo unha importancia decisiva na súa configuración.
O Himno, recordou Ramón Villares, é froito dun dos concursos que proliferaron naquela época para dotar a Galicia dunha marcha rexional, en concreto do convocado polo músico Pascual Veiga, quen lle encargou a Eduardo Pondal os versos que debían acompañar a música gañadora. Finalmente, o poema pondaliano "Os Pinos" soaría cunha partitura do propio Veiga, pero o resultado tardaría en ser asumido como Himno de Galicia.
Aínda que se pensa que foi cantado antes en Madrid e Santiago de Compostela, o Himno foi estreado oficialmente en 1907 no Centro Galego da Habana. Aquela presentación marcou o inicio da súa consolidación, na que foi clave, xa de volta en Galicia, o papel das Irmandades da Fala, que o incorporaron aos seus actos públicos, e o das sociedades corais creadas nas primeiras décadas dos século XX, que o introduciron no seu repertorio, explicou o historiador. Durante a ditadura foi cantado moitas veces de forma clandestina, e mantido tamén no exilio político, ata que finalmente a Lei de símbolos de Galicia o oficializou en 1984 xunto á bandeira. Pero antes de adquirir este rango oficial, os símbolos xogaron o seu papel político en Galicia, valorou o profesor Villares porque, ao seu xuízo, o feito de que Galicia tivese xa estes elementos de autoidentificación propios "foi positivo" para lograr que o país fose recoñecido como nacionalidade histórica.
Os Cursos de lingua e cultura galegas -organizados pola Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela coa colaboración da Deputación da Coruña e a Secretaría Xeral de Política Lingüística- xuntan nesta XXXI edición un total de 75 alumnas e alumnos procedentes de vinte e catro países de Europa, América, África e Asia, e varias comunidades autónomas.