Cultura galega en Arxentina

A comunidade galega afincada en Buenos Aires continúa o seu labor de divulgación e espallamento da nosa cultura celebrando o 50 aniversario do Día das Letras Galegas, entre outras actividades.
Vista aérea de Buenos Aires
Vista aérea de Buenos Aires (Fondo RAG)


Desde o pasado sábado 17 de novembro, unha exposición na Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina acolle as láminas da mostra A volta ás Letras en cincuenta días. A exhibición foi inaugurada cunha charla a cargo dos profesores Hixinio Martínez, Carlos Brandeiro e Mariela Sánchez.

Por outra banda, o ciclo de conversas dedicado á obra de Xosé Luís Méndez Ferrín que xa fora iniciado o 3 de marzo, chegará á súa fin o 15 de decembro cunha mesa arredor da novela No ventre do silencio. Seguindo o seu ronsel, a comunidade galega de Buenos Aires, que conta coa presenza a activa da investigadora e membro correspondente da Academia Débora Campos, está a proxectar un novo ciclo para o vindeiro ano no que se tratarán as figuras de Daniel Castelao e Luís Seoane. Desde unha perspectiva múltiple que abranga as dimensións literaria e pictórica dos artistas, o ciclo pretende incluír no seu programa un roteiro sobre cada autor e mesmo a escenificación dalgunhas das súas pezas.