'Crebar as liras' de Curros Enríquez

O 31 de marzo de 1908 finaba, na Habana, Manuel Curros Enríquez, unha das tres coroas, xunto con Pondal e Rosalía, do noso Rexurdimento cultural.
Imaxe de Curros Enríquez
Manuel Curros Enríquez


O poema que reproducimos a continuación está tirado do libro Aires d´a miña terra, de 1880, que se pode consultar integramente na nosa Biblioteca Virtual.

¡CREBAR AS LIRAS!

Por sobr' a barafunda
D' escarnios e pauliñas
Que as cántigas d' os servos
Por onde quer suscitan,
Espaventada, atóneta,
A virxe Poesia
Clamóu desalentada:
«¡Vates, crebade as liras!»

¡Crebar as liras, cando
Se fay temer ainda
A maza de Xan Dente
Por vara de xusticia!
¡Cando n' os nosos Códigos
Non val d' un home a vida
Os sete vis escudos
En que a tasou Molina!

¡Calar!... ¡Que non se escoite
O patuxar d' as vítimas
N' o mar d' inxofre e sangue
D' a escravitú caidas!
¡Calar!... y-as maus cravadas,
Y-a túnica cinguida,
Y a intolerancia abaixo
Y-a intolerancia arriba!

Non. Feita está a pormesa
Y-é menester cumprila.
A pátria morre. ¡Mália
O fillo que a non mira!
¡E mália quen lle negue
Por tédio ou cobardía,
Os himnos que a amortaxen,
O sangue que a redima!

Crebar as liras diante
D' a libertá qu' espira
Baix' a gadoupa férrea
D' o dogma que a asesina!...
¡Inda goberna Claudio!
¡Inda Seyano priva!
¡Inda os proscritos choran
E trunfa Mesalina!

Non-a crebés, poetas!
Templáina en ódeo, en ira,
Hastra que d' ela sayan
As esplosiós d' as minas:
Hastra que cada nota
Com' onha espada fira,
Com' on andacio barra
As vellas theogonías.

Gustoso esnaquizara
E resinado a miña,
Si n' eso d' o meu povo
A sorte consistira;
Mais, mentras horfo e triste
Os meus consolos pida,
Crebala... ¡n' a tua testa
Tan sólo—tiranía!