Convenio para a publicación dun inédito de Pardo Bazán

O acordo asinado entre a Academia e a Universidade de Santiago de Compostela contempla a publicación -en formato dixital e acceso gratuíto- do primeiro libro escrito por Emilia Pardo Bazán, Apuntes de un viaje. De España a Ginebra (1873).
Casares Long, Alonso Montero e González Herrán
Casares Long, Alonso Montero e González Herrán


O acto contou coa presenza do reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long; do presidente da Academia, Xesús Alonso Montero; do profesor e editor da obra, José Manuel González Herrán, e dos membros numerarios Andrés Torres Queiruga e Xosé Ramón Barreiro Fernández.

O presidente da Academia, Alonso Montero, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela manifestaron a súa satisfacción pola sinatura do convenio para a publicación conxunta da primeira obra escrita coñecida de Emilia Pardo Bazán: Apuntes de un viaje. De España a Ginebra, que sairá á luz en vindeiras datas, en formato dixital e acceso libre e gratuíto, no repositorio Minerva da Biblioteca da USC, así como no portal da Academia.

O profesor e responsable da edición da obra, José Manuel González Herrán -logo de agradecer a Xosé Ramón Barreiro e Cristina Patiño a súa colaboración ao longo de todo o proceso de publicación do libro- salientou a importancia do texto en cuestión, "trátase, como vén de sinalar o profesor Alonso Montero, da primeira obra escrita coñecida de Dona Emilia, que, segundo consta no seu encabezamento, comezou a escribila o primeiro de xaneiro de 1873, cando contaba vinte un anos". González Herrán adiantou tamén que na edición dixital desta obra poderase acceder, ademais de a un texto introdutorio da súa autoría, a unha copia dixital do orixinal da pluma da propia Emilia Pardo Bazán, composta de 138 páxinas e unhas corenta mil palabras.

Neste libro a autora, acompañada do seu esposo, dos seus pais e dun dos seus tíos, emprendía desde Ourense unha longa viaxe, con destino final previsto en Xenebra, que os levaría durante uns cinco meses por cidades españolas (Zamora, Burgos), francesas (Biarritz, Baiona, Bordeos, París, onde os viaxeiros pasaron un par de meses), italianas (Turín, Milán, Venecia, Verona, Trieste), ademais da mencionada capital suíza, e que se prolongaría despois coa visita á Exposición Universal de Viena (inaugurada o 1 de maio de 1873).

Na súa intervención, o membro numerario Barreiro Fernández desvelou o verdadeiro propósito da parada en Xenebra da Condesa: render homenaxe a Carlos VII, pretendente carlista á coroa española. "Resulta moi interesante ler unnha escena na que ela colle emocionada no seu colo o fillo de Don Carlos pensando que ten nos brazos un futuro rei de España, como, afortunadamente, non chegaría a suceder nunca".

Torres Queiruga, Casares Long, Alonso Montero, González Herrán e Barreiro Fernández
Torres Queiruga, Casares Long, Alonso Montero, González Herrán e Barreiro Fernández