Henrique Monteagudo e Francina Armengol posan tras a sinatura do convenio.
Fonte: RAG
Pola esquerda, María López-Sández, Henrique Monteagudo, Francina Armengol, Inés Rey, Pedro Blanco e María Dolores Sánchez Palomino.
Fonte: RAG
A presidenta do Congreso dos Deputados asinando no Libro de Honra da Academia.
Fonte: RAG
As académicas María Dolores Sánchez Palomino e María López-Sández conversan con Francina Armengol.
Fonte: RAG
O presidente da Academia agasallou a presidenta do Congreso con publicacións da institución. Na imaxe amósalle a edición especial das Cantigas de Martin Codax.
Fonte: RAG
A sinatura do acordo produciuse no pazo municipal do Concello da Coruña, a poucos metros da sede da Real Academia Galega, que nestes momentos está a someterse a unha rehabilitación integral. Previamente, Francina Armengol asinou no Libro de Honra da RAG e no do Concello nun acto no que tamén participaron a tesoureira da Academia, María López-Sández; a arquiveira-bibliotecaria, María Dolores Sánchez Palomino; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco Lobeiras; e representantes da corporación municipal da Coruña.
Henrique Monteagudo agradeceulle á presidenta do Congreso a iniciativa de establecer este marco de colaboración e tamén que hoxe se convertese na primeira persoa que ostenta a máxima autoridade das Cortes Xerais e a terceira do Estado en visitar, simbolicamente por mor das obras, a Academia. “Este acordo constitúe un paso de moito relevo no recoñecemento da diversidade lingüística do Estado que ampara a Constitución, e que se debe plasmar non só nas institucións das respectivas comunidades autónomas con lingua propia, senón tamén nas do Estado dunha maneira máis efectiva do que se ten feito ata agora”, salienta o presidente da Academia.
“Desde que no ano 2023 o Congreso aprobou a reforma do seu regulamento autorizando o uso das distintas linguas cooficiais, está a dar pasos moi significativos neste sentido”, engade Henrique Monteagudo. “Na RAG congratulámonos de que se solicite a nosa colaboración para atender a demanda, que existe hai tempo, de que os textos lexislativos estean á disposición do conxunto de falantes dos distintos idiomas do Estado, e de maneira específica dos profesionais do dereito, responsables políticos e persoal das administracións públicas que os empregan decote”, prosegue o presidente da RAG.
Na mesma liña, a presidenta do Congreso dos Deputados referiuse á “conciencia compartida de que é imprescindible a vontade dos gobernos e das institucións para respectar, preservar e promover todas as linguas”. “Este marco de colaboración vai moito máis alá dun éxito de convivencia e cogobernabilidade. Supón unha declaración de intencións institucional sobre un obxectivo común: o avance polo camiño da pluralidade lingüística e a capacitación da lingua galega para que esta se consolide como medio de expresión a todos os niveis. A defensa da diversidade lingüística, non nos cansaremos de repetilo, é unha fonte de riqueza cultural, identitaria e social”, insistiu Francina Armengol.
A presidenta do Congreso advertiu que non é posible en ningún caso abandonar este vieiro. “Sería destruír e desbotar un patrimonio que é de todos e de todas, sería maltratar non só un idioma e un territorio, senón todas as persoas que o habitan, mesmo a memoria de quen o transitaron e, xa que logo, de toda España”, concluíu.