A celebración do Día das Letras Galegas dedicado a Antonio Fraguas animou a moitas escolas a traballar co alumnado e as familias na investigación e na recollida de expresións do patrimonio inmaterial das súas contornas. As cantigas, as tradicións ou as lendas ás que o etnógrafo lles dedicou tantas publicacións protagonizaron tamén xogos ou obras de teatro. O alumnado afondou de igual xeito na biografía do autor ao que a Real Academia Galega lle dedicou neste 2019 o 17 de maio.
O certame Contádenos o voso Día das Letras creouse no ano 2017 co obxectivo de coñecer e de difundir como celebraron o Día das Letras Galegas os centros encargados da educación do alumnado de menor idade e premiar a súa implicación na divulgación da lingua e a cultura galegas. A iniciativa insírese no proxecto Primavera das Letras. Desde 2016 esta web fornece a comunidade educativa de infantil e primaria de recursos lúdicos e didácticos que permiten traballar competencias e contidos de distintos eidos, desde o medio natural e a historia ata a expresión plástica.