Contádenos o voso Día das Letras reúne as olladas ao mundo de Carvalho Calero de oitenta colexios

Videoclips, festivais virtuais, programas de radio, xogos de investigación, recitado de poemas e debuxos para ilustrar a obra do autor son algunhas das propostas dos oitenta centros educativos que participaron no concurso Contádenos o voso Día das Letras dedicado a Ricardo Carvalho Calero. Todos os traballos poden verse na páxina web de Primavera das Letras, o proxecto creado pola Real Academia Galega para achegar os nenos e nenas de infantil e primaria á figura á que cada ano lle dedica o Día das Letras Galegas. A iniciativa contou na presente edición co apoio da Deputación da Coruña e a Xunta de Galicia.

 

A Real Academia Galega creou o concurso Contádenos o voso Día das Letras no ano 2017 co obxectivo de coñecer e difundir como celebran o Día das Letras Galegas os colexios responsables da educación dos nenos e nenas de menor idade e premiar a implicación do seu profesorado na divulgación da lingua e da cultura galegas. A última edición estendeuse, por mor da pandemia, e abrangueu o curso 2019-2020 e mais o primeiro trimestre do curso actual. Os traballos presentados recollen así tanto propostas desenvolvidas durante o confinamento, centradas en experiencias virtuais, como outras presenciais, todas elas cunha clara compoñente lúdica como clave para achegar o público de 3 a 11 anos á vida e mais á obra de Ricardo Carvalho Calero.

O xogo como ferramenta didáctica tamén está moi presente nos contidos de primaveradasletras.gal, onde a RAG ofrece dende 2016 actividades interactivas e fichas descargables arredor da figura que cada ano protagoniza o Día das Letras Galegas. Os recursos permiten traballar competencias e contidos de distintos eidos, desde o medio natural e a historia ata a expresión plástica.