Congreso Lois Pereiro

Nos días 15, 16 e 17 de decembro de 2011 tivo lugar en Santiago de Compostela e A Coruña o congreso que puxo o ramo ao Ano Lois Pereiro.

Mesa redonda na Cidade da Cultura durante a celebración do congreso. De esquerda a dereita: Luís Cochón, Antón Lopo, María do Cebreiro Rábade, Xosé Luís Axeitos e Arturo Casas


O congreso convocou a boa parte da crítica especializada no autor monfortino e tamén a destacados compañeiros de xeración, poetas e teóricos que, coas súas achegas, ampliaron o ángulo para as posibles interpretacións dun escritor coa riqueza de sentidos e lecturas propias dun clásico. Así, o día 15 de decembro na Cidade da Cultura de Compostela, o recoñecido poeta e crítico catalán Pere Gimferrer, en presenza do Conselleiro de Cultura, Roberto Varela e do presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, inaugurou o congreso cunha conferencia titulada "Un poeta europeo", onde afirmaba a contemporaneidade do galego co resto da poesía europea do seu tempo, ademais da radical autonomía da voz do poeta.

Na tarde do mesmo día, Antón Lopo puxo en contacto a obra e a vida de Lois Pereiro coa de Lou Reed, esmiuzando a construción do malditismo moderno. María do Cebreiro escolleu a Rosalía de Castro como espello no que dilucidar a expresión da ausencia e o desacougo no autor monfortino, mentres Luís Cochón, pola súa parte, nos descubriu as súas concomitancias coa obra de Alexandre Cribeiro. Arturo Casas clausurou a xornada cunha lectura política do autor para a que empregou unha perspectiva múltiple.

O 16 de decembro, xa na Coruña, principiou o día Daniel Salgado analizando, desde a teoría marxiana, a produción pereirá e incluíndoa no horizonte temporal do chamado "século curto". Anxo Angueira inseriu o corpus pereirán na tradición galega valéndose, de novo, da súa filiación rosaliana. Pola súa parte, María Xesús Nogueira debullou a relación epistolar de Pereiro con Piedad Cabo; unha produción da que ela mesma foi editora. Miguel Anxo Mato Fondo, compañeiro e amigo da figura homenaxeada, recuncou na súa veciñanza co rock and roll, mentres a profesora Olivia Rodríguez analizou a recepción crítica do noso homenaxeado no tempo anterior e posterior ao seu pasamento. Na segunda parte da sesión, José Luis Calvo Vidal comparou as traxectorias vitais e poéticas de Lois Pereiro e Arthur Rimbaud. Para Xabier Cordal a obra de Pereiro cuestiona o agrupamento xeracional vixente e dá paso, na nosa poesía, ao relato do marxinal. Carlos Gegúndez examinou detalladamente a única obra narrativa do poeta monfortino: Náufragos do paraíso. Antón Patiño puxo en contacto a poesía de Pereiro coa tradición de ruptura europea de finais do século XX e, para finalizar, a profesora Mercedes Queixas Zas someteu a crítica os procesos canonizadores na literatura galega desde o punto de vista do currículum do ensino secundario.

O terceiro e último día, sábado 17 de decembro, Manuel Rivas e Xosé Manuel Pereiro achegaron, desde a súa privilexiada perspectiva, un relato das vivencias compartidas co autor en homenaxe, mentres Manuel Outeiriño enfiou unha lectura erudita da súa poética. Xa na tarde, clausuraron o congreso as voces das poetas Luz Pozo e Chus Pato. A académica deleitou o público cun longo texto elexíaco na honra de Lois Pereiro e, a seguir, Pato afirmou que a poesía se escribe contra a lingua de consenso e que, o noso século XX poético comeza en Manuel Antonio e remata en Lois Pereiro.

Para o presidente da Academia, Xosé Luís Méndez Ferrín, as vizosas celebracións e entusiasmo amosado pola sociedade galega durante o Ano Lois Pereiro demostraron a vixencia e vitalidade da obra do poeta monfortino que converteu o Día das Letras 2011 nun dos máis exitosos da súa conta.

Máis información sobre Lois Pereiro nas figuras homenaxeadas do Día das Letras.

Pódese ver unha reportaxe fotográfica na sección de Fotogalerías. Abaixo, un vídeo do Congreso Lois Pereiro.