Axeitos Agrelo, García Negro, Queixas Zas e Sánchez Iglesias
O presidente en funcións da Real Academia Galega, Xosé Luís Axeitos Agrelo, introduciu o acto felicitando á Asociacións de Escritores en Lingua Galega pola gran transcendencia social acadada polo seu traballo nos últimos anos, e felicitouse pola oportunidade de poder desenvolver actividades conxuntas, "en certo sentido, somos institucións irmás, e esta liña de colaboración debe proseguir no futuro".
O presidente da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, concordou, na súa quenda, coas palabras de Axeitos Agrelo "tanto a AELG como a Academia temos por obxectivo principal a defensa da lingua galega, un labor que se tornou aínda máis difícil nos últimos tempos". O presidente da AELG proseguiu a súa intervención expoñendo a temática escollida para a sexta edición dos Encontros, "a sociedade actual crea espazos invisibilizados habitados por voces e silencios imprescindibles para explicar a historia da humanidade, con este ciclo de conferencias o que pretendemos é xustamente deitar luz sobre estas zonas escurecidas".
Mercedes Queixas Zas, secretaria da AELG, foi a encargada de presentar á profesora Garcia Negro, de quen destacou a súa autoridade recoñecida nos ámbitos da sociolingüística, a literatura galega, o feminismo e as linguas minorizadas, "pero ela soubo entrelazar sempre o estudo destas materias, e non traballalas como se de compartimentos estanco se tratase ", comentou Queixas Zas, quen subliñou tamén o fondo compromiso político e social da profesora García Negro, testado na súa participación en multitude de iniciativas de carácter comunal, desde asociacións culturais de base ata o propio Parlamento de Galicia.
Pilar García Negro
"Á escritora inglesa J. K. Rowling recomendáronlle, cando publicou o seu primeiro libro, que asinase cun pseudónimo masculino, pois ben, cento corenta anos antes, neste recuncho apartado do continente europeo, Rosalía xa asinaba os seus libros co seu nome", empezou sinalando García Negro, para continuar enfiando o seu discurso titulado Rosalía de Castro: a orixinalidade do seu cantar, no que analizou as claves diferenciais da obra de Rosalía de Castro. García Negro apuntou ademais que esta toma de posición non foi exclusiva de Rosalía, outras escritoras galegas do Dezanove como Concepción Arenal, Sofía Casanova, Pardo Bazán ou Fanny Garrido, asinaron as súas obras tamén co seu nome.
Para García Negro, este feito converte a Galicia nunha rareza no panorama literario do seu tempo, e acrecentou a súa importancia lembrando o caso de dous escritores galegos, Montenegro Saavedra e Lamas Carvajal, que empregaban ás veces un pseudónimo feminino. "Xa Álvaro de las Casas sinalou, na súa antoloxía de literatura galega, que en Galicia a muller non segue ao home, senón que máis ben o acompaña á mesma altura".
A continuación, García Negro apuntou algunhas características que diferencian a obra de Rosalía da de contemporáneas súas como Gómez de Avellaneda ou Pardo Bazán, como o feito de que a Poeta do Sar escribise sempre desde o bando dos desfavorecidos, mentres que as outras se aliñaban co poder. Tamén foi un trazo definitorio da obra rosaliá a súa independencia respecto dunha suposta escola tardorromántica española –a de Espronceda ou Zorrilla- na que certa crítica teimou en clasificala. Segundo lembrou García Negro, "Rosalía non é filla do romanticismo, o cerne da súa obra é máis ben un impulso patriótico que ten como obxectivo transformar o galego nunha lingua culta, e como protagonista epónimo, o pobo máis humilde".
García Negro combateu tamén a concepción de Rosalía como escritora amanuense de Murguía e allea aos grandes debates intelectuais do seu tempo, unha visión reducionista que a definía como unha autora "dotada dunha sensibilidade hipertrofiada, o que explicaría o seu éxito en capas sociais populares e non moi ilustradas, como a dos emigrantes". "En resumo", concluíu a profesora, "existe, en Rosalía, como en todos os clásicos, certa dose de misterio e enigma que permite que nunca sexa lida completamente, pero tamén hai unha gran dose de elocuencia e clareza".