Conciencia gaña un dos Premios da Crítica

Os Premios da Crítica de 2017 distinguiron na modalidade de Iniciativas Culturais o programa de divulgación científica Conciencia, coordinado polo académico correspondente Jorge Mira. O catedrático foi o encargado de recoller o galardón no acto celebrado o pasado sábado en Vigo, no que tamén foron recoñecidos Manuel Antonio Fraga, Marcos Pérez Pena, Luís Emilio Batallán, María Luisa Sobrino, Flor Maceiras, o Festival S8 e o Grupo Nove.

Foto de grupo dos premiados e representantes de distintas institucións. Fonte: Premios da Crítica


Na modalidade de Iniciativas Culturais, xunto ao programa Conciencia resultaron finalistas a colección Galician Wave e o Programa de Medicina Xenómica. O xurado decidiu recoñecer finalmente o programa da Universidade de Santiago de Compostela que coordina o académico correspondente Jorge Mira, "unha iniciativa de divulgación científica consolidada no tempo optimizando uns recursos económicos cada vez máis minguados" e que constitúe "unha ponte entre niveis educativos, o mundo da investigación e a cidadanía". O xurado destacou tamén a súa contribución decisiva para que os investigadores e as investigadoras de Galicia formen rede cos líderes mundiais en distintos eidos científicos e o seu atractivo para o público, que amosa "que a sociedade responde ás iniciativas de divulgación científica de calidade".

Os Premios da Crítica, baixo o lema Corenta anos facendo país para sermos máis nós, xuntaron nun xantar a trescentas cincuenta persoas representativas de distintos eidos da vida cultural e política, entre elas o presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes. Xunto ao programa Conciencia, resultaron premiados Antonio Manuel Fraga na modalidade de Creación Literaria, pola obra Querido H. P. Lovecraf; Marcos Pérez Pena, na de Investigación, por A prensa en Galicia na Transición; Luís Emilio Batallán recibiu o Premio de Música; María Luisa Sobrino, o de Artes Plásticas; Flor Maceiras, o de Artes Escénicas; o Festival S8. Mostra de cinema periférico da Coruña, o de Cine e Artes Audiovisuais; e o Grupo Nove, o Premio de Cultura Gastronómica.