A Real Academia Galega ratifícase na súa escolla de polbo como forma normativa recomendable, tal como estableceu xa no seu Vocabulario ortográfico da lingua galega e no Dicionario da lingua galega, polas seguintes razóns:
1. Non hai ningunha dúbida de que polbo é voz patrimonial galega, que está documentada amplamente desde a época medieval e viva na fala actual.
2. A palabra pulpo, moi utilizada na fala actual, suscita dúbidas sobre o seu carácter patrimonial.
3. Un dos criterios establecidos para a escolla entre formas léxicas para a variante normativa do galego é que "entre dúas voces ou variantes concorrentes, unha das cales é indubidablemente galega e diferencial e a outra dubidosa, escóllese a primeira".
4. A palabra polbo, diferencial e galega, e consolidada actualmente no uso escrito, presenta continuidade cara ao sur no portugués polvo.