A Comisión Episcopal para a Doutrina da Fe, de España, difundiu un texto no que censura as obras teolóxicas do doutor Andrés Torres Queiruga, membro numerario da Real Academia Galega.
Segundo o tal organismo, o teólogo aventura proposicións contrarias ás verdades reveladas e á doutrina común da Igrexa Católica.
Non é competencia da Academia Galega, institución aconfesional, pronunciarse en materia de ortodoxias ou heterodoxias, pero percibimos no documento unha grave conculcación da liberdade de pensamento dun grande intelectual e escritor.
A citada Comisión intenta sen dúbida cortar o pulo creador de Torres Queiruga e dificultar a difusión das súas ideas. A Real Academia considera o documento unha intromisión escandalosa contra a que protesta firmemente. Tamén observa a RAG que a Comisión para a Doutrina da Fe cita as obras de Torres Queiruga nas súas traducións ao castelán, ocultando o feito de que todas elas foron escritas e publicadas orixinariamente en galego.
En definitiva, A RAG, ao tempo que protesta pola pauliña ditada contra o seu compañeiro Torres Queiruga, quere facerlle chegar a este o testemuño da súa máis alta estima e o seu profundo afecto.
Ver a páxina de Torres Queiruga na sección de membros da Academia.