A Real Academia Galega presentou o pasado mes de marzo unha demanda ante o Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) en contra do Decreto 79/2010 para o plurilingüismo na ensinanza non universitaria. De acordo coa súa obriga estatutaria de defensa da lingua galega, a institución cumpriu así o seu compromiso de esgotar todas as vías xudiciais fronte a unha norma que, ao seu entender, resulta lesiva tanto para os dereitos dos nenos e nenas galegofalantes canto para o futuro do maior patrimonio inmaterial do pobo galego.
A RAG alegaba ante o TEDH que este Decreto é discriminatorio e vulnera o dereito humano fundamental á igualdade. Sen entrar no fondo do litixio, a Corte europea decidiu non admitir a trámite a demanda por unha razón formal, xa que, segundo as súas propias normas, só admite denuncias presentadas por particulares ou por colectivos directamente prexudicados. Neste caso, foi a Real Academia Galega quen comezou o procedemento xudicial ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, e o TEDH non atendeu a súa alegación de que o fixera instada pola petición de pais e nais de escolares afectados polo devandito Decreto. A Academia Galega respecta a decisión do TEDH, que non é recorrible, ao tempo que lamenta que non entrase a valorar o fondo da súa demanda, plenamente xustificada.
A Real Academia Galega insiste en que o sistema educativo é unha peza clave para garantir o porvir do noso idioma, e que resulta imprescindible un novo marco legal que faga efectivo o dereito dos rapaces e rapazas a recibir a educación en galego, poñendo fin á redución cuantitativa e cualitativa da presenza do galego no ensino que trouxo o Decreto 79/2010. As súas consecuencias quedan patentes nos últimos datos estatísticos, que reflicten un preocupante retroceso do uso do galego entre as xeracións máis novas, e mais no último informe do Comité de Expertos da Carta de Linguas Rexionais e Minoritarias do Consello de Europa, difundido o pasado mes de xaneiro. Neste documento, maniféstase a preocupación polo efecto da "redución gradual" do galego no ensino en Galicia; advírtese que o devandito Decreto "ten un impacto moi negativo", pois "prohibe expresamente o ensino en galego de Matemáticas na Primaria e de Matemáticas, Tecnoloxía e Física e Química na Secundaria"; e alértase de que na etapa de Infantil a nosa lingua só está presente en niveis do 6,57% en cidades de máis de 50.000 habitantes.
Por todo isto, a RAG insta unha vez máis ao Goberno galego a que retorne ao espírito que inspirou a Lei de normalización lingüística de 1983 e non demore o inicio dunha nova etapa na que se dea impulso ao Plan xeral de normalización da lingua galega, aprobado por unanimidade no Parlamento de Galicia en 2004. A institución reclama novamente un consenso político tal como o que fixo posible a aprobación da LNL e do PXNL, que necesariamente debe ser promovido polo Goberno galego.