Cartel da obra As criadas, de Jean Genet
Neste mes das Letras dedicado a Roberto Vidal Bolaño, á falta dunha peza máis valiosa e representativa do protagonista desta edición, sirva este pequeno destaque dun humilde cartel do teatro independente galego dos oitenta como homenaxe á súa figura e aos "teatreiros" en xeral.
Todo comezou en 1980 cando un grupo de traballadores do teatro, entre os que se encontraban nomes tan importantes como Francisco Pillado ou Manuel Lourenzo, tomou a decisión de crear un innovador proxecto teatral na cidade da Coruña, o cal se materializou na Compañía de Teatro Luís Seoane, en homenaxe ao grande artista coruñés finado meses antes. Este foi, sen dúbida, un proxecto ambicioso, xa que o mencionado grupo, ademais de constituírse en compañía, tivo tamén a valentía de construír un novo espazo escénico na cidade; e todo isto baixo un réxime de sociedade cooperativa nun país co individualismo enquistado na memoria colectiva, o que facía aínda máis meritoria esta aventura artística.
Os antecedentes desta compañía podémolos encontrar no teatro vocacional dos anos 70, un teatro de afeccionados que vían nesta forma artística un medio de expresión sumamente útil para axudar no duro labor de rexeneración da cultura galega. Entre os logros destas primeiras experiencias está a implantación do galego nos escenarios, así como o carácter itinerante das compañías, o que permitía espallar a súa mensaxe máis aló dos círculos culturais urbanos. Co tempo, a multiplicación de compañías creou a necesidade de novos textos , renacendo deste xeito unha literatura dramática propiamente galega que reflexionaba sobre a realidade social do momento, é dicir, sobre os problemas que sufrían os galegos do posfranquismo.
Despois dos primeiros pasos do novo teatro galego, era tempo de asentar un proxecto estable que permitise un traballo escénico máis ambicioso e complexo, para o cal foi preciso contar cun autentico teatro, o que provocou certa perda de espontaneidade e contacto co espectador novato afastado das urbes galegas, se ben se gañou en capacidade de programación e produción teatral. No caso da Compañía de Teatro Luís Seoane, isto deu lugar en 1981 á creación da Sala Luís Seoane, un pequeno espazo teatral cunha capacidade para uns 200 espectadores, situada na rúa coruñesa Alfredo Vicenti, onde era posible levar a cabo unha programación independente e regular.
Esta programación, sempre en lingua galega, era moi ampla e variada, pois incluía o teatro clásico e contemporáneo universal, ademais do galego, e nela tiñan cabida todo tipo de xéneros e culturas teatrais, pero sempre adaptándose á experiencia propia dos traballadores da compañía e, por suposto, aos gustos do espectador, logrando, deste xeito, mirar a herdanza teatral universal a través do prisma galego, ao mesmo tempo que a enriquecía, e achegando aos galegos -e en galego- o teatro doutras épocas e doutras latitudes.
Ademais de ser o escenario da actividade teatral propiamente dita, a Sala Luís Seoane era un taller de interpretación, un espazo pedagóxico onde formar novos actores e actrices, e a impulsora de novos proxectos editoriais. En definitiva, unha pequena factoría de ideas que durante uns anos alumeou a escena cultural coruñesa, pero eses anos non foron máis que un breve período de tempo, resultado da falta de medios e dun abandono institucional incomprensible.
O cartel que nos ocupa pertence ao segundo espectáculo que fixo a Compañía titulado As Criadas, do gran dramaturgo francés Jean Genet, obra de contido social onde se percibe unha fonda simpatía cara aos desherdados e os marxinados dos que o propio autor francés formou parte en varias fases da súa vida.