Comezan a facerse públicas as actividades arredor do Día das Letras

Institucións, escolas, empresas ou asociacións promoven actos culturais e publicacións que poñen en valor a figura de Valentín Paz Andrade, homenaxeado no Día das Letras Galegas deste 2012.

Co obxectivo de apoiar e impulsar iniciativas que contribúan a un maior coñecemento do escritor homenaxeado e con responsabilidade transversal sobre a lingua galega, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia programou unha extensa axenda de actividades. A carón dos actos previstos en Vigo o propio 17 de maio, son salientables outras actuacións de dinamización social: difusión de poemas sobre o escritor a través da TVG ao longo do mes de maio, accións de rúa con música e poesía e o concurso de declaracións amorosas 'Lingua de namorar', que vincula o uso do galego na rede coa celebración do Día das Letras.

No ámbito educativo, as secretarías xerais de Política Lingüística e de Cultura programaron unha exposición itinerante sobre Valentín Paz Andrade polos centros de ensino e bibliotecas nodais. Mentres, as exposicións de carteis dos CEIP Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, de Rianxo, e o IES Xoán Montes, de Lugo, resultaron premiados no concurso escolar sobre o Día das Letras Galegas.

As publicacións de escolmas, reedicións ou estudos sobre o autor e a súa obra supoñen unha vía fundamental de acceso ao coñecemento sobre Valentín Paz Andrade e consolidan, asemade, a súa produción. No Día do Libro Infantil, o 2 de abril, a Secretaría Xeral de Cultura presentou a biografía e antoloxía do homenaxeado, editada por Xerais e dirixida á mocidade. Nas próximas semanas sairán do prelo outros títulos: a obra Castelao na luz e na sombra, en Galaxia; a edición do epistolario inédito de Valentín Paz Andrade, na publicación Cadernos Ramón Piñeiro; a edición facsímil de Galicia como tarea, unha escolma poética do autor e a edición da relación epistolar entre Díaz Pardo e Paz Andrade, en Xerais.

A programación vese completada con diversas iniciativas que proxectan internacionalmente o legado de Paz Andrade. A través da rede de Centros de Estudos Galegos, recitais, encontros, conferencias e exposicións arredor da figura do homenaxeado terán lugar en universidades de todo o mundo. Ademais, desde o posto oficial de Galicia nas grandes feiras do libro de América, a de Guadalaxara e a de Bos Aires, difundirase a obra de Paz Andrade.