Comeza a serie das Letras Galegas 2023, 'Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu'

A Real Academia Galega estrea hoxe na  canle de Youtube institucional e nesta páxina web o primeiro episodio da serie web documental que lle dedica ao protagonista do Día das Letras Galegas 2023. Francisco Fernández del Riego, o que nunca se rendeu arrinca co capítulo titulado “As luces primeiras”, centrado na infancia do intelectual en Lourenzá e os primeiros anos da mocidade. A produción audiovisual percorre en seis entregas a traxectoria vital de quen foi unha figura central da resistencia cultural do galeguismo despois da guerra civil, cofundador da editorial Galaxia, ponte entre a xeración Nós e as vindeiras, tamén entre o exilio interior e a diáspora en América, presidente da RAG e impulsor de moitas outras iniciativas que procuraron a recuperación da lingua e a identidade de Galicia en tempos escuros.

Cada luns estrearase un novo capítulo sobre a vida dun home cunha extraordinaria capacidade intelectual e de traballo que, como reflicte o título da serie, nunca claudicou. “Francisco Fernández del Riego foi un grande activista da cultura galega e de Galicia que nunca se rendeu. Dalgún xeito, todos somos fillos del e doutros membros da súa xeración que, en tempos certamente adversos, traballaron arreo na defensa da lingua e da cultura de noso e nos permitiron ser o que hoxe somos”, salienta o presidente da Academia, Víctor F. Freixanes.

“Ao longo dos seis episodios coñecemos un Francisco Fernández del Riego que non deixa de abraiarnos pola súa capacidade de actuar en todos os ámbitos posibles para facer da súa idea de Galicia unha realidade. Como di o seu biógrafo Manuel Román, en Lourenzá, lugar que o viu nacer, mamou a lingua e a cultura, pero o seu grande amor foi Galicia”, explica Belén Rivero. A limiá é a guionista da serie, realizada para a Academia pola produtora Miramemira baixo a dirección do lugués Damián Valera. A produción conta co apoio económico da Xunta de Galicia e do Ministerio de Ciencia e Innovación.

A narración avanza coas lembranzas de persoas que coñeceron e estudaron a figura de don Paco, e tamén coa vivencia de autoras e autores das novas xeracións da conmemoración do Día das Letras Galegas que o propio Del Riego propuxo crear no seo da RAG en 1963, cando se celebrou por primeira vez cadrando co centenario da publicación dos Cantares gallegos de Rosalía de Castro. Son Malores Villanueva, Manuel Román, Ramón Nicolás, María Xosé Queizán, César Cunqueiro, Xesús Alonso Montero, Henrique Monteagudo, Ramón Villares, Fina Casalderrey, Margarita Ledo, Camiño Noia, Rosa Aneiros, Francisco Castro, Xosé Manuel Soutullo, Dolores Vilavedra, Patricia Arias Chachero, Antón Santamarina e Víctor F. Freixanes; e mais Ismael Ramos, Rosalía Fernández Rial, Tamara Andrés, Cándido Paniagua e Ledicia Costas.

Tamén participan na serie alumnos e alumnas do CEIP Juan Rey, a escola de infantil e primaria de Lourenzá; e mais o músico do Valadouro Nuno Pico, coñecido como Grande Amore, e o escritor Bernardo Penabade, encargados das voces en off de don Paco nos anos de mocidade e madureza, respectivamente. A música da serie foi creada por Álvaro Trillo, que recorreu á percusión inspirándose no propio carácter de don Paco.

Canto aos espazos, a rodaxe realizouse nas tres localidades que marcaron a vida de Francisco Fernández del Riego: a súa Lourenzá natal, Santiago de Compostela e Vigo.

A montaxe enriqueceuse con material dos arquivos audiovisuais da CRTVG, o CGAI, a Filmoteca Española, Ricardo Gurriarán e a USC, e fotografías e outra documentación da Fundación Penzol, a Editorial Galaxia, a Fundación Otero Pedrayo, Manuel Román e Lume Aceso, entre outras entidades.

O presidente da RAG posa co equipo da serie. Fonte: RAG

Da traxectoria pública ao retrato máis íntimo
Belén Rivero artellou un guión que, tras abordar a infancia do autor en Lourenzá, profunda na loita política e cultural na que se implicou dende ben novo, dende os anos nos que foi, primeiro, un brillante e carismático estudante da Universidade de Santiago de Compostela e, despois, profesor de Dereito. Naquela época Fernández del Riego foi membro do Seminario de Estudos Galegos e participou activamente no Partido Galeguista e, tras a guerra, xa no exilio interior en Vigo -a cidade na que viviu o resto da súa vida-, continuaría a traballar a prol de Galicia centrado na resistencia cultural.

Todo isto cóntase nun relato que tamén procura un retrato máis íntimo do home que foi Francisco Fernández del Riego, sempre cheo de vitalidade e boa disposición. “Todas as persoas que o coñeceron destacan que era un home sempre ao servizo do que fose preciso, pero tamén a súa alegría, o seu carácter festeiro, a súa afección á música ou á celebración do Entroido e, sobre todo, o bo trato que tiña con quen acudía xunto a el”, conclúe a guionista.

Da amizade con Cunqueiro á primeira celebración do 25 de xullo na Mariña
O primeiro capítulo conta coa colaboración especial de nenos e nenas do CEIP Juan Rey e repasa a infancia de Francisco Fernández del Riego no seo dunha familia acomodada de Lourenzá e mais a adolescencia e os primeiros anos de mocidade, que transcorreron tamén en Monforte de Lemos -onde estudou nos Escolapios- e, máis adiante, Santiago de Compostela, onde se trasladou a familia para darlles estudos universitarios a todos os irmáns. O relato lembra a intensa afección temperá á lectura de don Paco, a súa amizade con Álvaro Cunqueiro, a quen coñeceu sendo aínda un cativo nas festas do Conde Santo de Mondoñedo; as súas primeiras publicacións na revista Páginas Calasancias e Vallibria, que dirixía Trapero Pardo; continúa co espertar ao galeguismo consciente cando comeza a estudar Dereito en Madrid e avanza o activismo político e cultural xa de volta en Galicia, cando o 25 de xullo de 1931 iza a bandeira galega e le dende o balcón do concello de Lourenzá o que foi seguramente o primeiro manifesto de celebración do Día de Galicia na Mariña lucense.

O intenso compromiso galeguista que desenvolveu nos anos universitarios en Compostela será a cerna do segundo episodio; o terceiro afondará nos tempos da guerra e os primeiros pasos da posguerra, nos que Del Riego se implicou de cheo na organización da resistencia cultural; o cuarto capítulo dedicarase ao papel que desempeñou como ponte co exilio en América e coas novas xeracións; o quinto tratará a creación e a evolución do Día das Letras Galegas e o sexto profundará na propia obra de don Paco como escritor, editor ou articulista.