Clausura dos Cursos de verán

O Salón de Actos da Facultade de Filosofía da USC acolleu o emotivo acto de clausura da vixésimo quinta edición dos Cursos de verán de lingua e cultura galegas para estranxeiros e españois de fóra de Galicia.
Imaxe da mesa presidencial
De esquerda a dereita: Rosario Álvarez Blanco, Valentín García Gómez, Juan Casares Long, Manuel González González e Francisco Fernández Rei. Fotogafía: Alfonso (Servima v-USC)


O acto, iniciado puntualmente ás 12 da mañá, foi presidido polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long, e contou coa presenza do secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez; o director dos Cursos de verán e académico de número, Francisco Fernández Rei; a directora do Instituto da Lingua Galega e tamén académica, Rosario Álvarez Blanco e o tesoureiro da Real Academia Galega, Manuel González González. No público, os 86 alumnos procedentes de 22 estados diferentes que participaron dos Cursos e o equipo de profesores e colaboradores atenderon con emoción as palabras de agarimo que se foron sucedendo.

En primeiro lugar, o profesor Francisco Fernández Rei comezou a súa intervención expresando "inmensa satisfacción polo resultado final" e seguidamente ofreceu unha afectuosa e detida crónica do traballo realizado. Así, para alén das visitas ao Museo do Pobo Galego, ao Panteón de Galegos Ilustres, á Cidade da Cultura, aos tellados da Catedral de Santiago ou á sede da RAG, o alumnado contou con dúas xornadas completas de inmersión lingüística e cultural. Acompañados por profesores, pola secretaria dos cursos, Ana García, e polo propio director, as persoas participantes coñeceron, na xornada do 14 de xullo, Allariz, guiadas polo poeta Xosé Antón Laxe Martiñán; Celanova, onde visitaron a Casa dos Poetas e o mosteiro da vila con guías deses centros, e Vilanova dos Infantes. O día 21, da man do historiador e académico correspondente Xosé Mª Lema Suárez, percorreron Muros, Carnota, o Ézaro, Fisterra, acompañados polo poeta Alexandre Nerium, Muxía, Dombate, onde visitaron o seu importante dolmen, e o castro de Borneiro. Fernández Rei quixo lembrar tamén a utilidade destes Cursos para aquelas persoas estranxeiras e españolas non galegas que desexan achegarse á nosa realidade e que, finalmente, rematan por converterse en embaixadoras da cultura galega nos seus países. Como exemplo deste caso, o director dos Cursos fixo referencia a Takekazu Asaka, profesor de Filoloxía Románica na Universidade de Tokio que realizou os Cursos de verán nos anos 90, 91 e 92 e que hoxe tamén quixo estar presente no Salón de Actos da Facultade de Filosofía. Despois de agradecerlles o traballo ás institucións e individuos que, ano tras ano, fan posibles os Cursos, despediu os alumnos desexando que "alá onde esteades, sintades morriña e saudade por esta terra que tamén é vosa".

Os alumnos sobre a Pedra de Abalar, en Muxía
Asistentes aos Cursos sobre a Pedra de Abalar, en Muxía. Fotografía: Xosé Mª Lema Suárez


A continuación, a directora do Instituto da Lingua Galega, Rosario Álvarez Blanco, agradeceu o interese e a dedicación do alumnado: "en definitiva, o voso compromiso". Na hora da despedida, propuxo facer un balance positivo, tendo en conta os novos coñecementos e os novos amigos cos que cada participante regresa ao seu fogar. "Aumentamos a nosa familia afectiva e a nosa familia lingüística". Ademais, Rosario Álvarez trouxo ao acto de clausura algunhas palabras que xa dedicara aos alumnos na inauguración dos Cursos, agora en pasado: "Ofrecémosvos, de corazón, o máis valioso que temos: a nosa terra, a nosa lingua". A académica lembrou tamén que "as portas do ILG están abertas para todos vós", ao tempo que lles manifestou aos participantes o compromiso de contacto permanente por parte do equipo organizador dos Cursos. Por último, expresou a súa vontade de traballo para comezar "desde mañá mesmo" a organización da vixésimo sexta edición dos Cursos de verán.

A alumna Marina Snetkova dirixíndose ao público
A alumna Marina Snetkova dirixíndose ao público
e a directora do ILG, Rosario Álvarez Blanco

Seguidamente, en representación do alumnado, interveu a alumna de nivel superior Marina Snetkova, profesora de lingua española na Universidade de Moscova que realizou os Cursos de verán por terceiro ano consecutivo. Nun emocionante discurso que deu boa conta da competencia en lingua galega acadada, Snetkova salientou os "enormes avances" que se van producindo no transcurso dos niveis que ofrecen os Cursos; avances que, finalmente, proporcionan un "cadro do que é o galego e do que é Galicia". A profesora manifestou coñecer mellor Galicia que Rusia, especialmente Santiago e a Costa da Morte, grazas as excursións realizadas os sábados, e amosou a súa vontade de impartir un curso só de galego, ademais do apartado dedicado á nosa lingua que xa introduciu nas súas clases universitarias. Snetkova expresou tamén o seu desexo de realizar a tese de doutoramento sobre a lingua de Galicia.

Imaxe dos alumnos e do público asistentes ao acto de clausura
Salón de Actos da Facultade de Filosofía no acto de clausura. Fotografía: Alfonso (Servima v-USC)


Na súa quenda, Manuel González González, tesoureiro da Real Academia Galega, falou en nome da institución transmitindo unha aperta do seu presidente. O profesor González González amosou agradecemento ao conxunto de institucións –Real Academia Galega, Instituto da Lingua Galega e Secretaría Xeral de Política Lingüística- e ao equipo humano –moi especialmente ao director e á secretaria- que fan posible a existencia deste lugar de encontro entre a cultura galega e as distintas culturas de procedencia dos participantes. Na vixésimo quinta edición dos Cursos de Verán, o tesoureiro da RAG quixo lembrar as destacadas figuras da filoloxía que colaboraron desinteresadamente nos primeiros Cursos -Paul Tessier, Eugeniu Coseriu, Ivo Castro e Giuseppe Tavani, entre outras- e aqueloutras que, permanecendo en segundo plano, tamén participan, nomeadamente o profesor e académico Ramón Lorenzo Vázquez e a súa dona, a poeta Ursula Heinze. Segundo o profesor González González "sempre houbo unha colleita de alumnos excepcionais, excepcionais nos primeiros anos e excepcionais nos últimos" que son "testemuños de que hai un espazo no occidente de Europa que se chama Galicia e que ese espazo ten unha lingua e que ten unha poboación que está disposta a defendela e a propagala". Finalmente, o tesoureiro da RAG afirmou que "poden minguar os medios, pero nunca vai minguar nin o noso esforzo, nin a nosa ilusión" e despediu os participantes cunha promesa: "se hai menos pan, saberémolo compartir con todos vós porque sodes os nosos irmáns e ocupades un lugar de privilexio no corazón de todos os galegos".

A continuación, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez, manifestou comprobar que "o obxectivo está cumprido" e solicitou ao conxunto do alumnado: "Levade noticia do que aquí vistes, dunha lingua secular e dunha lingua tamén das novas tecnoloxías". O secretario xeral despediu aos participantes lembrándolles que "nesta parte do mundo tedes irmáns, tedes unha patria lingüística arroupada por unha tradición de séculos e tamén pola tradición dos 25 anos destes Cursos". Finalmente, considerou o conxunto dos alumnos como "un pequeno anaco de nós que ilumina o mundo enteiro".

Entrega dos diplomas
Entrega dos diplomas aos alumnos dos distintos niveis


Tras a entrega dos diplomas, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long, pechou o acto amosando satisfacción polo traballo realizado, agradecendo aos profesores que os Cursos de verán sexan unha realidade e afirmando: "algo máxico ten esta fin da terra que nos permite atraer tanta boa xente como sodes todos vós".

Alumado de Nivel Medio 1 cos seus profesores, Ana Fachal e Gonzalo Hermo.
Alumnado de nivel Medio 1 cos seus profesores, Ana Fachal e Gonzalo Hermo, ao remate do acto