Clausura da XXIX edición dos Cursos "Galego sen fronteiras"

A Facultade de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela acolleu este mediodía o acto de clausura da XXIX edición dos Cursos de lingua e cultura galegas "Galego sen fronteiras". Nestas tres últimas semanas, os 63 alumnos e alumnas procedentes de 17 países de Europa, Asia e América participaron en distintas actividades, dentro e fóra das aulas, de inmersión na lingua e na cultura galegas.

Pola esquerda, Liliana Martínez, Ana Boullón, Xosé Luís Regueira, Henrique Monteagudo, Roberto Javier López, Anxo Lorenzo e Ernesto González Seoane na clausura da XXIX edición dos Cursos "Galego sen fronteiras"


A Real Academia Galega organiza os Cursos "Galego sen fronteiras" coa colaboración do Instituto da Lingua Galega da USC e co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Deputación da Coruña. No acto de despedida, no que se procedeu á entrega dos diplomas ao alumnado, participaron, xunto a estudantes e profesorado, o secretario da RAG, Henrique Monteagudo; o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa da USC, Roberto Javier López; o director do ILG, Ernesto González Seoane; o codirector e a secretaria académica dos cursos, Xosé Luís Regueira e Ana Boullón; e o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo.

Henrique Monteagudo recordou que no deseño destes cursos estase a facer nos últimos anos un esforzo por achegar o alumnado non só á lingua e á literatura, senón ao conxunto da cultura galega "nas súas dimensións variadas", desde a música ata o patrimonio natural, sen esquecer tampouco as "problemáticas", fronte ás cales os estudantes de "Galego sen fronteiras" cumpren un "labor pedagóxico". "Vós sodes un exemplo para o país, amosándolle que hai que ter unha relación máis normal, menos acomplexada, coa súa lingua", agradeceu nese sentido.

O director do ILG fixo fincapé noutra función esencial dos cursos: a formación de persoas que dean continuidade e propaguen os estudos galegos por todo o mundo. "Esperamos espertar en vós o interese por afondar no estudo da lingua, da literatura e da cultura de Galicia, e confiamos en que o aprendido, e sobre todo o vivido, sexa un estímulo para seguir traballando no futuro", expresou Ernesto González Seoane.

"O que queremos é que, onde esteades, sigades pensando en clave de Galicia, que este vínculo se manteña e que dea froitos interesantes para nós e para vós", engadiu o secretario xeral Anxo Lorenzo. Na mesma liña, o vicerreitor Roberto Javier López tamén agradeceu que a "nosa cultura e a nosa lingua siga espallándose" grazas aos estudantes destes cursos.