Cincuentenario de 'Grial'

Ao longo dos seus cincuenta anos e douscentos números, a revista acolleu nas súas páxinas os acontecementos, debates e persoeiros máis relevantes da cultura galega contemporánea.
Capa do primeiro número de Grial
Capa do primeiro número de Grial.


A mediados de 1963, e coincidindo co centenario da publicación de Cantares Gallegos, símbolo do noso renacer cultural, os membros numerarios da Academia e fundadores da editorial Galaxia, Francisco Fernández del Riego e Ramón Piñeiro, daban ao prelo o primeiro número da revista Grial, que contiña no seu editorial a seguinte declaración de intencións:

Fiel ó profundo siñificado diste centenario que preside o seu re-nacemento, GRIAL arela facer no noso tempo, co esforzo coordinado de todos, algo semellante ao que Rosalía fixo hai cen anos: remover as enerxías creadoras da espiritualidade galega. Sabemos que somentes así –desenvolvendo os valores acochados na propia persoalidade- poderá o pobo galego arrequecer o patrimoño cultural da humanidade.

Ao longo deste tempo, a revista, dirixida hoxe polos académicos Víctor Freixanes e Henrique Monteagudo, foi ampliando o seu abano temático centrado, na súa primeira xeira, fundamentalmente na análise de material filolóxico, histórico e literario, para incorporar tamén pescudas de carácter económico, sociolóxico ou artístico, mais conservando sempre a súa vontade primeira de incitación ao debate e intervención no campo cultural galego.

Capa do número 200 de Grial
Capa do número 200 de Grial