A exposición, que expandiu a cultura galega entre os cataláns, sensibilizados coas distintas culturas e linguas propias do Estado, ía dirixida non só a eruditos e bibliófilos, senón a un público heteroxéneo con inquedanzas culturais, e o seu fin non era outro que, mediante unha bibliografía escolleita, “dar unha imaxe da evolución histórica da cultura galega”, segundo comentan os organizadores na presentación do catálogo.
A mostra estaba dividida, segundo a distribución das pezas expostas, en varias seccións, que incluían, ademais dos numerosos libros, algúns valiosos manuscritos e publicacións periódicas. En primeiro lugar situábanse as pezas que facían referencia á época medieval, con especial atención á temática dos cancioneiros comprendidos entre os séculos XII e XV. A continuación expoñíanse as que facían referencia ao período de castelanización, e xa no século XVIII, co espertar da conciencia galega, as que daban protagonismo ao erudito beneditino Martín Sarmiento (1695-1772), con obras como Onomástico etimológico de la lengua gallega (Tui, 1923) ou Origen y formación de la lengua gallega (Buenos Aires, 1943).
A continuación amosábase a bibliografía correspondente á época do Rexurdimento, con abundante representación de obras das icónicas figuras desta etapa da literatura galega: Rosalía de Castro, Manuel Curros Enríquez e Eduardo Pondal. O poeta ourensán Valentín Lamas Carvajal tiña un apartado de seu por estar dedicado o ano 1972 a homenaxear esta figura literaria no Día das Letras Galegas.
A parte dedicada ao século XX centrábase no importante labor que desempeñaron institucións culturais como as Irmandades da Fala, a Xeración Nós ou o Seminario de Estudos Galegos e daba protagonismo á figura de Castelao con, entre outras obras, unha edición especial d’Un ollo de vidro: memorias dun esquelete (Ferrol, 1922), asinada polo autor, e mais á figura do poeta Ramón Cabanillas con No desterro (A Habana, 1913) ou Vento mareiro (A Habana, 1915).
Había tamén unha sección dedicada aos libros editados en América, que daban conta da actividade cultural da Galicia emigrada, e outra dedicada á lingua e literatura galegas, con obras como Gramática gallega, de Juan A. Saco y Arce (Lugo, 1868), Diccionario gallego, de Juan Cuveiro Piñol (Barcelona, 1876) ou Sobre lingua e literatura galega, de Ricardo Carballo Calero (Vigo, 1971).
Incluíanse ademais un conxunto de obras traducidas ao galego, así como bibliografía de escritores foráneos na nosa lingua. Así mesmo estaban representados noutra sección os libros escolares de ensino da lingua galega, a literatura galega infantil e algúns libros litúrxicos en galego. Tampouco faltaba unha representación da literatura popular e libros sobre folclore, ademais dunha sección de libros sobre a arte galega e outra con bibliografía compostelá.
Entre as valiosas obras da RAG presentes na exposición figura unha das xoias da súa Biblioteca, a Descripción del Reyno de Galizia y de las cosas notables del, do Licenciado Molina (Mondoñedo, 1551), primeira gran descrición do antigo Reino de Galicia. Esta obra, impresa por Agustín de Paz, consta de escasísimos exemplares na actualidade.
Simultaneamente a esta mostra, celebrouse no mesmo local a Feira do Libro Galego, con representación de obras dos escritores do momento. Como complemento leváronse a cabo unha serie de intervencións e coloquios protagonizados por intelectuais como Ramón Piñeiro, Francisco Fernández del Riego, Xosé Luís Méndez Ferrín, Basilio Losada e Isaac Díaz Pardo.