O presidente da RAG agradeceu a iniciativa do Concello de Lugo de fixar na rúa Menorca as voces escollidas nas votacións populares promovidas a través dunha iniciativa da que destacou precisamente a participación cidadá. Víctor F. Freixanes sinalou ademais que a última, “cibercarracho” -neoloxismo de carácter coloquial que designa os ciberdelincuentes- é “proba da vitalidade do idioma”. “Exemplifica como dende o humor e a creatividade a lingua ten enerxía interna para darlles resposta ás novas realidades que nos toca vivir”, engadiu.
Diego Rodríguez aplaudiu tamén a iniciativa do Concello de Lugo, que -dixo-fixa na pedra unha iniciativa nada na contorna dixital, dándolle así unha nova dimensión e continuidade.
Rubén Arroxo explicou que co paseo das Palabras do Ano o Concello de Lugo segue a traballar na mellora da imaxe da cidade e, ao mesmo tempo, pon en valor “un símbolo tan importante como a lingua galega”. O tenente de alcalde asegurou ademais que a rúa Menorca se converteu xa nun atractivo turístico máis de Lugo.
Dende 2014 o Portal das Palabras convida a todas as persoas que o desexen a participar na escolla da Palabra do Ano. Nas edicións anteriores foron elixidas comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019) deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016) —coincidindo co centenario das Irmandades da Fala—, refuxiado, -a (2015) e corrupción (2014), todas elas incluídas no paseo da rúa Menorca.