Chus Pato retrata o talento da nova xeración poética

Pertencen a unha xeración que o ten moi difícil, composta en gran parte por "corpos para a caza", pero cun "enorme talento". Tomando prestado un verso de Oriana Méndez, a poeta e académica electa Chus Pato referiuse así á nova xeración de poetas da literatura galega no retrato que dela trazou na conferencia que impartiu esta mañá ante o alumnado dos Cursos Galego sen fronteiras. Centrouse na escrita de catro mozos e catro mozas nados entre 1980 e 1996, pero advertiu que "hai máis" herdeiras e herdeiros "dunha tradición poética moi poderosa" que son motivo de "orgullo infinito". Unha xeración que, como o conxunto das letras galegas, merece unha política cultural diferente, capaz de proxectar as súas creacións cara ao exterior, valorou.

Chus Pato nun momento da súa intervención. Fotos: RAG


Chus Pato é talvez a mellor poeta das letras galegas contemporáneas, recordou o académico Xosé Luís Regueira, encargado de presentala. Para a maior parte dos poetas novos, é "case unha figura reverencial", pero nas cerca de dúas horas que a escritora ourensá compartiu hoxe co alumnado dos Cursos de lingua e cultura galegas o protagonismo non foi para os seus versos, senón para os de oito creadoras e creadores que forman parte da poesía máis nova do país: Silvia Penas (1980), Oriana Méndez (1984), Francisco Cortegoso (1985-2016), Alba Cid (1989), Alicia Fernández (1987), Gonzalo Hermo (1987), Antón Blanco Casás (1996), Jesús Castro (1992).


Tras a conferencia produciuse un coloquio sobre a nova poesía galega


A intervención arrincou coa proxección de "Miña nai", de Silvia Penas, a autora que serviu tamén para pechar o repaso xeracional con outro vídeo de Cintaadhesiva. Deseguido, Chus Pato centrouse nun dos poemas d'O que precede á caída é branco, libro de Oriana Méndez, distinguido co XVII premio de poesía do Concello de Carral (2014), cun poderoso comezo, "O noso nome é / corpos para a caza", que inspirou o título da conferencia: Corpos para a caza, retrato dunha xeración. "Eles/elas, sen dúbida, son humanos sometidos a un traballo que os toma por bestas, podendo por esta razón ser sacrificados como calquera outro animal", analizou Chus Pato. Aínda que o poema parte "dunha posición moi extrema", pode servir para se referir a gran parte dunha xeración que o ten "moi complicado, moi difícil", que se ve obrigada a emigrar, pero que no caso da poesía galega esta formada por persoas cunha importante madurez creativa e un "talento enorme" .

De Francisco Cortegoso, a académica electa escolleu o poema "Dedicatoria", de Memorial e danza -gañador do XXVI premio nacional de poesía Xosemaría Pérez Pallaré (2013)-, obra dedicada á respiración. "Esta respiración á que vai dedicada o libro é sen dúbida a linguaxe. Pero non unha linguaxe calquera, se non a lingua, o idioma, da poesía", explicou. O percorrido xeracional continuou con outro vídeo-poema de Alba Cid e a serie de poemas de Alicia Fernández titulada "Breviario", publicada na antoloxía No seu despregar (2016). Poesía "case social", pero dunha maneira moi persoal , e tamén "moi directamente feminista", expresou.

Unha poesía de amor de Gonzalo Hermo publicada en Celebración, obra gañadora do "Premio Nacional de Poesía Joven Miguel Hernández 2015"; versos d'A oseira, de Antón Blanco Casás, e un vídeo-poema de Jesús Castro completaron o retrato xeracional.

Xunto ao alumnado, a sesión tamén foi seguida por Alba Cid e Antón Blanco Casás, que participaron no coloquio que se estableceu tras a conferencia.


Chus Pato posa xunto a Alba Cid e Antón Blanco ao termo da conferencia