"Síntome moi pequena ao lado de Clara Campoamor, este é un premio que me abraia moito e que me incita a un compromiso maior co feminismo", expresa Chus Pato, que recorda a loita polo voto feminino que emprendeu, e gañou, a deputada durante a República. "Conseguiuno, cómpre lembrar, co apoio do Partido Galeguista, cos votos a favor de Castelao e Otero Pedrayo. Despois converteuse nunha refuxiada e non puido volver. Morreu no exilio en Suíza, un país que hoxe tamén acolle a Anna Gabriel", engade.
Chus Pato rexeita etiquetas para definir a creación poética: "considero que a poesía é poesía sen adxectivos, calquera adxectivo en poesía sempre reduce". En calquera caso, recoñece a pegada da teoría e da práctica feminista na súa escrita. "Quen escribe é quen escribe. Eu son feminista desde que teño uso de razón e a miña vida evolucionou á par desa teoría e desa práctica. Desde o momento en que a min o feminismo me transformou, é evidente que a miña poesía se transforma e se marca en feminismo e en feminino", explica.