Henrique Monteagudo, no centro, acompañado durante a charla do sobriño neto de Eladio Oviedo Arce, Juan Ramón López Oviedo, e do concelleiro de Cultura de Noia, José Pérez
A charla, enmarcada nas celebracións do 850 aniversario da fundación de Noia, detívose especialmente nas achegas de Eladio Oviedo Arce, cadrando co centenario do seu pasamento na mesma vila onde nacera. Entre elas, Henrique Monteagudo subliñou o estudo que realizou sobre o pergamiño Vindel pouco despois da súa descuberta. Eladio Oviedo Arce foi, de feito, o primeiro galego, coa colaboración do académico correspondente Santiago Tafall Abad, que estudou seriamente este documento. A súa interpretación e crítica do texto foi de moita importancia no seu momento e apareceu publicada entre 1916 e 1917 no Boletín da Real Academia Galega, unha publicación onde tamén viron a luz outros artigos do escritor e relixioso.
Lisardo Rodríguez Barreiro (Noia, 1862 - Vilagarcía, 1943), elixido académico correspondente en 1905 e numerario en 1939; Manuel Fabeiro Gómez (Muros, 1916 - Noia, 1992), elixido correspondente en 1950; Alejandro Rodríguez Cadarso (Noia, 1887 - 1933), que foi proposto como numerario en 1933 pero que non chegou a ingresar como académico ao falecer antes; ou Álvaro de las Casas (Ourense, 1901 - Barcelona, 1950), profesor de Xeografía e Historia no instituto de Noia entre 1930 e 1936, foron algúns dos académicos históricos relacionados con Noia dos que falou Henrique Monteagudo, que tamén se referiu á académica electa Ana Romaní (Noia, 1962), quen tomará posesión do seu cargo proximamente.