Cento un anos da 'Revista Galicia'

O 1 de xaneiro de 1913 saía do prelo, por vez primeira, o Boletín Oficial do Centro Gallego de Buenos Aires, precedente da Revista Galicia.
Portada do primeiro número do Boletín
Alegoría de Galicia na portada do primeiro número do Boletín


Na nota editorial do seu primeiro número, dispoñible nesta ligazón, o Boletín facía pública a súa declaración de intencións: "He aquí la razón de ser del Boletín del Centro Gallego que, desde hoy, será el amigo fiel que, una vez por mes, visitará a todos y cada uno de los socios llevando en sus páginas los triunfos, los éxitos, las satisfacciones de la sociedad instituída para el mutuo amparo y sostén de los hijos de Galicia radicados en la República Argentina".

En efecto, o Boletín exerce, en páxinas interiores, a súa función de voceiro do Centro, gabándose da superación da crise interna que levara á parálise do Centro Gallego en anos anteriores, "después de algunos años de aparente inacción…" (páx. 3), do espectacular aumento do número de socios –que pasan de 400 a 3500 ao longo de 1912-, e do propósito da nova directiva de proseguir co seu labor propagandístico co fin de ampliar, aínda máis, a base social do Centro, concluíndo: "¿Qué quiere esto decir? Pues que si los gallegos de Buenos Aires no hacíamos algo grande, algo digno de la raza, era porque ignorábamos donde podíamos llevarlo a cabo".

Estes obxectivos serán, abofé, longamente atinxidos. Así, o Centro Gallego aumentará de xeito exponencial o seu número de socios nos seguintes anos, chegando a acadar o seu voceiro unha tiraxe de 16 mil exemplares no seu momento de maior audiencia. Nas súas páxinas colaboran as figuras máis recoñecidas da intelectualidade galega da época, como Murguía, Emilia Pardo Bazán, Julio Dávila, Eduardo Pondal, Prudencio Canitrot, Blanco Amor ou Manuel Lustres Rivas.

A partir de 1926, o Boletín dará comezo a unha segunda xeira, que segue hoxe en curso, na que pasará a chamarse Revista Galicia. Nesta etapa manterá, secasí, a liña editorial xa trazada polo seu antecesor: seguimento da vida interna do Centro nos contidos, carácter bilingüe, aínda que con uso predominante do español, aumento progresivo da tiraxe, ata publicar 35 mil exemplares nos anos 80, publicidade abundante e colaboración frecuente dos máis ilustres escritores galegos da época, como Francisco Fernández del Riego, Ramón Suárez Picallo, Otero Pedrayo, Álvaro Cunqueiro, Castelao, Paz Andrade, Méndez Ferrín ou Xosé Neira Vilas, que tratarán nos seus artigos aspectos relacionados coa historia, a economía, a literatura e a actualidade cultural galega.

Co fin de conmemorar esta efeméride, o Centro Galego de Bos Aires vai celebrar, o vindeiro 31 de outubro, un acto no Teatro Castelao de Bos Aires, que contará coa actuación do Coro do Centro Gallego e do Conjunto Airiños da Casa de Galicia. O cartel do convite a este acto pódese descargar aquí.