Centenario do nacemento de Francisco Fernández del Riego

O 3 de novembro de 1960 entraba na Real Academia Galega o escritor, editor e crítico literario Francisco Fernández Del Riego. O seu discurso de ingreso está dispoñible para descargar.
Busto de Fernández del Riego na praza do seu mesmo nome, en Vigo
Busto de Fernández del Riego na praza do seu mesmo nome, en Vigo


No ano 1935, Francisco Fernández del Riego (Vilanova de Lourenza, 7 de xaneiro de 1913 - Vigo, 26 de novembro de 2010) licenciábase en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, combinando, brillantemente, as súas facentas intelectual e política. Porén, co golpe de Estado do 18 de xullo e a subseguinte guerra civil, viuse na obriga de manterse apartado da vida pública.

En 1939, ao remate da guerra, instalouse na que sería a súa residencia definitiva, Vigo, relacionándose con galeguistas como Paz Andrade, Henrique Peinador, Carlos Maside, Darío e Xosé María Álvarez Blázquez ou Gómez Román. No seu empeño por reorganizar politicamente o galeguismo, colaborou cos movementos políticos da emigración e traballou coas accións culturais galegas que se realizaban, principalmente, en Buenos Aires e Montevideo. No ano 1947, organizou, con Leuter Salgado, as colaboracións coa BBC británica para a emisión dun programa semanal sobre cultura galega radiado, por vez primeira, na lingua prohibida de Galicia. Neste mesmo ano, ao tempo que gañou o concurso literario da Federación de Sociedades Galegas de Buenos Aires co obra Cos ollos do noso esprito, foi detido, encarcerado e xulgado en Consello de Guerra, sendo finalmente exculpado.

O 25 de xullo de 1950 celebrouse en Santiago de Compostela a asemblea fundacional da Editorial Galaxia. Presidida por Otero Pedrayo, contou coa participación de personalidades senlleiras do galeguismo coma Manuel Gómez Román, secretario do Partido Galeguista e tres persoas que orientaron o rumbo da editorial desde o comezo: Fernández del Riego, Xaime Illa Couto e Ramón Piñeiro. Poucos anos despois, no tempo en que os membros do Partido Galeguista interior comezaron a abandonar a loita política partidaria en favor do traballo político cultural, Fernández del Riego ingresou na Real Academia Galega a proposta de Manuel Gómez Román, Ramón Otero Pedrayo, Manuel Casás Fernández e Sebastián Martínez-Risco y Macías, en novembro de 1960, co discurso Un país e unha cultura: a idea de Galicia nos nosos escritores. O seu traballo na corporación foi intenso e profundo. Por iniciativa súa, a Academia decidiu celebrar o 17 de maio de cada ano, a partir de 1963, o Día das Letras Galegas, conmemorando que nese ano se cumpría o centenario da publicación de Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro.

No ano 1964, sen deixar de traballar arreo na actividade cultural -en Galaxia; Artes Gráficas Galicia, da que foi conselleiro-delegado; a Fundación Penzol e a revista Grial- Fernández del Riego integrouse nunha das novas forzas políticas de esquerda que apareceran ese ano, o Partido Socialista Galego (PSG), do que chegou a ser Secretario Xeral, con Manuel Beiras como dirixente, e ao que pertenceu ata 1978.

Ao longo da súa vida, Fernández del Riego foi membro, entre outras institucións, do Seminario de Estudos Galegos, do Consello da Cultura Galega, do Consello de Bibliotecas da Xunta de Galicia, da Asociación Internacional de Críticos Literarios, da Fundación Laxeiro, dos Padroados Carlos Maside, Rosalía de Castro, da Fundación Luís Seoane (1997), do Museo do Pobo Galego, do Auditorio de Galicia e do Padroado da Fundación Penzol, sendo director da Biblioteca. O seu ciclópeo traballo no seo da literatura e cultura galegas veuse recoñecido con numerosos galardóns que comezaron en 1948 co premio de ensaio do Centro Gallego de Buenos Aires, outorgado polo Centro Gallego de Buenos Aires.

No ano 1995, Fernández del Riego doou á cidade de Vigo a súa colección bibliográfica; un importante arquivo integrado por documentos, unha colección de arte plástica con obras de pintores e escultores coetáneos e un nutrido epistolario de figuras representativas da cultura galega contemporánea. Esta doazón constitúe a Biblioteca-Museo Francisco Fernández del Riego, establecida na Casa Galega da Cultura, en Vigo.