Celso Emilio Ferreiro nunha imaxe cedida pola Casa dos Poetas, de Celanova
Ao longo de todo este ano 2012, Celso Emilio Ferreiro leva sido o protagonista dunha manchea de homenaxes. A Real Academia Galega contribuíu tamén á conmemoración das súas efemérides coa celebración dun pleno extraordinario en Celanova o 9 de xuño do presente ano.
Todas estas actividades culminan hoxe co recitado simultáneo, ás doce da mañá, por parte de alumnos de ensino medio de todo o país, do poema "Deitado fronte ao mar", iniciativa propulsada pola Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística (CGENDL). Ademais, ás 23:30 horas a TVG emitirá o documental 100% CEF, dirixido por Aser Álvarez, no que participan varios membros da Academia.
Portada de Longa noite de pedra (Salnes, 1962)
Celso Emilio Ferreiro militou cando novo nas mocidades galeguistas e a súa fidelidade ao ideal republicano valeríalle, en 1937, unha condena a morte a mans do réxime franquista que lle sería conmutada grazas ao apoio popular. Porén, desta experiencia, e dos días de reclusión pasados no Mosteiro de Celanova, tiraría o material vital que serviría de inspiración para a súa obra máis coñecida, Longa noite de Pedra.
Celso Emilio foi un poeta moi recoñecido en vida, as súas obras vendíanse por milleiros e a súa concepción da poesía, accesible e comprometida coa realidade do seu tempo, deixou unha forte pegada en varias xeracións de poetas galegos.