Centenario de Xosé Luís Pensado Tomé: o gran divulgador de Sarmiento

O 6 de marzo de 1924 nacía en Negreira o filólogo Xosé Luís Pensado Tomé, un dos grandes coñecedores da obra de frei Martín Sarmiento, da literatura medieval galega e da historia da súa lexicografía. Co gallo do seu centenario, a Real Academia Galega publica a súa biografía na sección de membros da RAG desta páxina web e mais unha selección de documentos do seu expediente como académico en relación co seu nomeamento, nos anos 60, como membro correspondente da institución e a súa posterior elección como académico de honra na década dos 80. O académico Ramón Lorenzo dedícalle ademais un artigo na Tribuna desta páxina web.

Pensado Tomé (Negreira, 1924 - Salamanca, 2000) exerceu durante máis de trinta anos como catedrático de Filoloxía Románica e Galaico-Portuguesa na Universidade de Salamanca. A través de edicións críticas, artigos e monografías sobre Sarmiento, contribuíu a espallar o coñecemento da súa obra nun tempo no que a vindicación da dignidade da lingua galega defendida polo frade bieito resultaba un acto subversivo. Alén dos estudos sarmientianos, o profesor foi autor tamén de valiosas achegas no eido da literatura medieval galega, a lexicografía histórica, a etimoloxía, o asturiano ou o leonés.

Pensado Tomé fora nomeado membro correspondente da RAG no ano 1963 a proposta de Fermín Bouza Brey, Francisco Vales Villamarín e Manuel Banet Fontenla. Vinte tres anos despois, Francisco Fernández del Riego, Uxío Torre Enciso e Antonio Meijide Pardo propuxeron o seu recoñecemento como membro de honra. “A lexicografía e etimoloxía galegas débenlle estudios moi documentados, xa indispensábeis”, salientaban os propoñentes no resumo dos seus méritos. “O seu rigor neste eido acretouno na publicación de varios traballos especializados. Na súa bibliografía lingüística hai un capítulo esencial: o relativo aos estudios que realizou sobre a obra do P. Sarmiento”, engadían.

En palabras de quen foi o seu alumno en Salamanca, o académico de número Xosé Luís Axeitos, Pensado “pasou silenciosamente alumeando os séculos escuros”, ata completar unha obra que o académico Ramón Lorenzo xulgou, no seu extenso obituario publicado en Verba, “de grande magnitude e dunha categoría extraordinaria”. “Versado como poucos en tantas pólas da lingüística románica, foi un sabio en materia de léxico galego, eido no que as súas aportacións aínda non foron valoradas axeitadamente”, concluía Xesús Alonso Montero no in memoriam publicado no número 362 do Boletín da Real Academia Galega.