Xesús Alonso Montero, nun momento da súa intervención na presentación do libro sobre Alfredo de la Iglesia. Fonte: RAG
Xesús Alonso Montero mergullouse hai tres anos no inxente material do fondo da familia De la Iglesia que custodia o arquivo da Real Academia Galega. Fíxoo interesado inicialmente sobre todo pola vida do intelectual republicano e socialista Santiago de la Iglesia, un dos irmáns de don Alfredo. "E aconteceu que, mentres me entusiasmaba o universo literario deste intelectual e político, ía descubrindo facetas e textos do seu irmán Alfredo que nin sequera sospeitaba", conta o expresidente da RAG no prólogo d'O intelectual, o educador e o autor do primeiro manual de Literatura Galega para escolares de Instituto (1919), que presentou onte na Casa das Campás de Pontevedra, acompañado polo presidente da Real Academia Galega, Víctor F. Freixanes; o director de área de dinamización cultural, educativa e integración da Universidade de Vigo, Manuel Morquecho Barral; e Carlos López Font, deputado da Deputación de Pontevedra, institución con cuxo apoio se publica o que é o cuarto volume da colección Letras da Academia.
Alfredo de la Iglesia exerceu como catedrático de lingua e literatura castelá no Instituto de Pontevedra entre 1918 e 1931, cando se xubilou aos setenta anos de idade. Aínda que o seu Resumen de Historia de la Literatura Gallega non chegou a imprimirse, significa un "capítulo realmente extraordinario" do galeguismo literario xa que o empregou para desenvolver unha "experiencia totalmente inédita na historia do ensino", nuns tempos nos que a literatura galega estaba fóra da oficialidade do ensino, subliña Xesús Alonso Montero. O seu alumnado coñeceu así as nosas letras, dentro da materia "Historia General de la Literatura", mesmo antes de que Filgueira Valverde impartise, no ano 1933, o primeiro curso de literatura galega nunha tribuna universitaria, na Facultade de Letras de Santiago de Compostela e de xeito igualmente non oficial.
A documentación conservada na Real Academia Galega non permite determinar con precisión cantos cursos exerceu don Alfredo como docente extraoficial. "Pero cónstanos que impartiu esas clases no curso 1925-1926, ou sexa, en plena Ditadura de Primo de Rivera, tempos pouco gasalleiros coas veleidades rexionalistas", apunta Xesús Alonso Montero. E tivo consecuencias? "Non era don Alfredo, arredor de 1920, galeguista, como o era, no Instituto de Ourense, don Ramón Otero Pedrayo e, no mesmo de Pontevedra, Antonio Losada Diéguez, xa daquela un líder espiritual e prestixioso da causa galeguista. Hai que supoñer, pois, que as autoridades educativas e políticas, desconcertadas, sen dúbida, ante esa novidade docente, non viron no mesmo feito unha intención política", considera.
Primeiras páxinas do manual de Alfredo de la Iglesia. Fonte: Fondo dos irmáns de la Iglesia / Arquivo da Real Academia Galega
Tamén a primeira lección en lingua galega
O manual de Alfredo de la Iglesia presentaba as letras galegas en castelán, pero dá conta tamén doutro episodio histórico do que foi protagonista en outubro de 1919: a primeira vez que un catedrático de ensino medio explicou un tema do programa oficial, de lingua castelá, en galego. "¡Triste es confesarlo! La primera vez que en mi clase de Gramática expliqué en gallego y pregunté en gallego, a un alumno, educado y nacido en uno de los hermosos pueblecillos de la provincia de Pontevedra, una carcajada general acogió mis primeras frases. Todos aquellos ingenuos naturales de Galicia encontraban ridículo que el catedrático del Instituto explicase en gallego. No tardaron mucho, afortunadamente, en reconocer su error, principalmente cuando vieron que su compañero había entendido la explicación y en mal castellano contestó con acierto". O testemuño que dá conta da forte diglosia daquela época aparece nunha nota en letra miúda escrita na páxina 25 do seu manual, nunha parte do capítulo dedicado á "Decadencia de la literatura gallega" que incide nas "causas" do esmorecemento do idioma nos séculos anteriores.
Fragmento do capítulo do manual que incide nas causas históricas da desaparición do galego nos usos oficiais. Fonte: Fondo dos irmáns de la Iglesia / Arquivo da Real Academia Galega
Apuntamentos escolares
Xunto á copia facsimilar do manuscrito do Resumen de Historia de la Literatura Galega, o libro sobre o maxisterio de Alfredo de la Iglesia reproduce tamén programas das leccións e uns apuntamentos de 1926 de dous alumnos, Elvira e Manuel G. Salgado, "unha mostra de que o profesor, como todo profesor non mecanicista, ía, ano a ano, refacendo ou retocando partes do discurso".