Hemeroteca

Cen anos do diario ‘El Pueblo Gallego’

O 27 de xaneiro de 1924 saía do prelo por vez primeira en Vigo o xornal El Pueblo Gallego. Cunha tiraxe de trinta mil exemplares no momento de maior expansión e unha liña editorial aberta e crítica, foi ata 1936 o periódico máis próximo ao galeguismo, dándolle acubillo nas súas páxinas a textos políticos das principais figuras deste ideario, como Alexandre Bóveda, Víctor Casas e Antón Villar Ponte. Outros colaboradores con achegas de distinto tipo foron Castelao, Jesús Bal y Gay, Ramón Otero Pedrayo, Xosé Núñez Búa, Johan Carballeira, Antón Alonso Ríos, Vicente Risco ou Álvaro Cunqueiro.

1/4

Nado a iniciativa dun grupo liberal denominado Liga de Defensores de Vigo, que tamén editaba La Concordia, o xornal pasou a ser desde 1927 propiedade do político liberal-centrista Manuel Portela Valladares, seguidor, naquela altura, de Eugenio Montero Ríos. O seu primeiro director foi Ramón Fernández Mato e o primeiro redactor xefe José Ribas Montenegro, a quen sucedeu Roberto Blanco Torres, protagonista do Día das Letras Galegas de 1999.

Formaban parte do equipo de redacción figuras destacadas do galeguismo da época, como Rafael Dieste, Xerardo Álvarez Gallego, Felipe Fernández Armesto ou Xoán Xesús González, ademais de Valentín Paz Andrade, encargado, canda Xerardo Álvarez Gallego, de escribir os editoriais. Carlos Maside era o director artístico do xornal, que contaba tamén con outros ilustradores como Manuel Torres e Álvaro Cebreiro. 

A adhesión do Partido Galeguista á Fronte Popular resultou nun certo distanciamento co xornal, pero Portela Valladares mantivo vixentes, secasí, a meirande parte das colaboracións de autores galeguistas e apoiou, de xeito entusiasta, a campaña a prol do Estatuto, aprobado en referendo o 28 de xuño de 1936.

Co estoupido da guerra civil e a posterior derrota do bando republicano, Manuel Portela Valladares - acusado de traizón polo bando franquista ao permitir a instauración do goberno, lexitimamente electo, da Fronte Popular- viu como lle era requisado El Pueblo Gallego, convertido nun órgano máis da Cadena de Prensa del Movimiento, condición na que foi pechado o 17 de xuño de 1979. O político pontevedrés, que fora presidente da II República e ministro de Fomento durante a Restauración, marchou ao exilio francés, onde morreu en 1952, legando os seus bens ao Museo de Pontevedra.