Cen anos de ‘Ronsel: revista de arte’

En maio de 1924 saía do prelo en Lugo o primeiro número de Ronsel, revista arte, publicación periódica plurilingüe que se converteu nunha canle de expresión da nova sensibilidade artística definida pola irrupción da vangarda. Os promotores da revista -Evaristo Correa-Calderón, Álvaro Cebreiro, Ángel Johán, Álvaro Gil, Salvador Fole e Carlos Araújo- acubillaron nas súas páxinas os novos discursos artísticos da época na literatura, a plástica ou a música. A Real Academia Galega lembra no seu centenario a importancia desta cabeceira que conserva na súa hemeroteca e que ofrece en copia dixital en Galiciana.

1/11

Os seis números editados de Ronsel saíron do prelo entre a primavera e o outono de 1924. Xurdida a iniciativa dun grupo de mozos lugueses que se reunía nos faladoiros do Café Español ou do Círculo das Artes, a publicación tiña como propósito “trazar una estela a través de un mar de pesimismo e indiferenza”. Así naceu un medio de espírito ecléctico que xuntaba nas súas páxinas pezas de creación artística, como poemas e ilustracións, con outras de crítica de arte e reflexión estética, e mesmo avisos de novidades editoriais na sección fixa “Crisol”. Os promotores seguían o exemplo doutras cabeceiras como a coruñesa Alfar ou a madrileña Revista de Occidente, fundadas un ano antes, ou da ourensá Nós, nada en 1920. 

A presenza de autores de diferentes xeracións e tendencias, da vangarda ao modernismo, e de distintas linguas constitúe unha mostra máis da súa vontade integradora e plural: aínda que o castelán era o idioma da presentación da revista e de numerosas colaboracións, o galego tamén estaba presente e había cabida ademais para textos en portugués, catalán ou francés.

Ronsel tivo como directores o escritor e xornalista lugués Evaristo Correa Calderón e o debuxante e ilustrador coruñés Álvaro Cebreiro, que viña de subscribir canda Manuel Antonio en 1922 o manifesto vangardista Máis Alá! O xerente foi Ángel Juan González López (Ángel Johan) -autor de todas as portadas, agás a primeira, de Cebreiro-; o secretario de redacción era Álvaro Gil e o administrador Carlos Araújo. O equipo de redacción estaba composto por Francisco Luis Bernárdez (Vigo), Euxenio Montes (Ourense), Manuel Antonio (Rianxo), Jesús Bal y Gay (Madrid), Luís Pimentel (Lugo), Xesús Carracedo (Nova York), Domingo Carvallo (Lugo) e Santiago Rodríguez Bonome (Santiago de Compostela). O enderezo da revista estivo situado primeiro na rúa Manuel Becerra 13, e logo na casa dos Correa Calderón, na rúa Bispo Izquierdo 8, que foi onde se instalou a imprenta Palacios, encargada da tiraxe da revista.

Como colaboradores literarios en galego, participaron autores como Ramón Cabanillas, Álvaro Gil, Gonzalo López Abente, Manuel Antonio, Vitoriano Taibo, Antón Vilar Ponte, Johan Vicente Viqueira ou Vicente Risco e Castelao. Moitos deles formaban parte tamén das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, e escribían acotío noutros medios afíns ao galeguismo, como A Nosa Terra, Nós ou no coetáneo El Pueblo Gallego

Entre as novidades en galego publicadas pola revista figura un dos poemas máis coñecidos de Manuel Antonio, o caligrama “Excelsior”, e as primeiras páxinas do drama O Mariscal, de Ramón Cabanillas e Antón Vilar Ponte, obra editada por Lar dous anos máis tarde. 

Os escritores lugueses mantiveron un protagonismo sobranceiro en Ronsel, nomeadamente Xesús Bal y Gay, autor de textos de crítica musical; e Luís Pimentel, que contaba coa única sección fixa de creación literaria da revista, “De mi tagebuch” (diario), onde se deu a coñecer como poeta. Os seus primeiros poemas, escritos en castelán, amosan a influencia de Francis Jammes na súa contención e sutileza expresivas, así como na levidade dos temas escollidos.

O músico e musicólogo lugués Jesús Bal y Gay (nomeado membro correspondente da Academia en 1976) foi outro dos autores lugueses asiduos. A el débenselle traducións, notas de novidades literarias publicadas na sección “Crisol”, así como artigos nos que amosa a súa preferencia por novas músicas como as de Debussy, Ravel, Bártok, Falla e Stravinsky. 

Os autores portugueses gozaron dunha especial atención, sobre todo Teixeira de Pascoaes, pai do saudosismo portugués. Outros escritores lusos que colaboraron con Ronsel foron Raul Brandâo, Eugenio de Castro, Alonso Duarte, Maria Leonor Reis e Américo Durâo. No que atinxe aos escritores en castelán, cómpre salientar as achegas de Ramón Gómez de la Serna -entre elas varias das súas “greguerías"-, ou Rafael Cansinos Assens -un dos fundadores do ultraísmo- ou de Benjamín Jarnés. 
En catalán, asinaron poemas J. M. López-Pico e Alfons Maseras; e en francés Émile Malespine. Aparecen, así mesmo, textos de autores alemáns como Goethe e Hebbel, trasladados ao galego por Johán Vicente Viqueira, quen tamén trouxo ao galego un poema do artista renacentista italiano Michelangelo; ou de Emma Böhm, Albert Sergel e Emma Müllendorf, vertidos ao castelán por Mercedes Pimentel.

Mais, sen dúbida, un dos grandes sinais de identidade de Ronsel, revista de arte reflectido xa no seu propio nome, é a importancia concedida á parte visual, tanto no que atinxe ao seu coidado deseño e innovadora tipografía, como no que se refire á elevada presenza de debuxos e ilustracións. Na súa nómina de colaboradores achánse artistas como Castelao, Castro Gil, Sobrino Buhigas, Casares Mosquera, Cunha Barros, Amando Suárez Couto, Lacasa e Norah Borges, ademais do propio Cebreiro e Ángel Johán.