Celebrado o 40 aniversario das Xornadas Abrente en Ribadavia

Os días 13 e 14 de decembro tivo lugar en Ribadavia a conmemoración do corenta aniversario do nacemento da Mostra de Teatro Abrente.
Roberto Pascual, Alonso Montero e Inma López Silva
Roberto Pascual, Alonso Montero e Inma López Silva


Durante as dúas xornadas especialistas recoñecidos na materia do teatro galego, actores, actrices, directores, promotores e testemuñas directas daquelas primeiras Xornadas Abrente celebradas no solpor do franquismo debateron a fondo a importancia e influencia do certame ribeirán na conformación do teatro galego contemporáneo.

José Luis Chao, ideólogo e promotor da primeira Mostra de Teatro no ano 1973, manifestou que o seu obxectivo era especializar a Asociación Cultural Abrente no eido do teatro, unha área non moi atendida pola multitude do asociacións culturais que agromaban naquela Galicia do tradofranquismo. A idea, como lembrou Luís Álvarez Pousam era facer convivir e contrastar a produción escénica galega coa internacional, "para tomarmos consciencia da calidade e das tendencias, así coma fomentar o prestixio e o autorrecoñecemento da sociedade galega ante os seus creadores".

O actual director do CDG, Manuel Guede, salientou que as Xornadas son "unha festa da lembranza", e Manuel Lourenzo engadiu que "Ribadavia é a paixón das Mostras, o selo, a marca, o feito recoñecible e o seu motor, como é o teatro para a economía e o turismo de Stratford upon Avon, vila natal do dramaturgo William Shakespeare".

O presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, pola súa parte, presentou o libro titulado Ricard Salvat (1934-2009) e o teatro galego, no que analiza a estreita relación do dramaturgo e catedrático de literatura catalán coa Mostra de Teatro de Ribadavia, á que asistiu en numerosas ocasións en calidade de crítico.

O programa de actos tamén incluíu a representación do espectáculo BailadELAS, mulleres bolañesas, de Teatro Antroido, baseado en textos de Roberto Vidal Bolaño.